O Ministerio de Agricultura licita o acondicionamento ambiental do entorno da Fábrica de Castiñeiras
O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente publicou o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado un anuncio polo que se licita a agardada obra de acondicionamento ambiental do entorno de Castiñeiras: unha actuación cuxo prezo de licitación ascende a un total de 891.457,88 euros e que ten como principais obxectivos, por unha parte, recuperar a zona na que estaba situada a antiga fábrica de Castiñeiras e, por outra, favorecer o uso recreativo deste estratéxico espazo situado a carón praia do Castro a través da creación de áreas deportivas e de esparcemento e dunha rede de sendas.
Segundo consta no anuncio no BOE, o procedemento de contratación terá carácter aberto e con tramitación ordinaria. O prazo para a presentación de ofertas conclúe o día 19 de maio. As solicitudes poden ser presentadas no rexistro xeral do Ministerio, situado na praza San Juan de la Cruz, s/n (Madrid).
O día 12 de xuño, ás 10.15 horas serán abertas as ofertas presentadas. O prazo de execución das obras será de catro meses a partir do comezo das mesmas.
14.200 metros cadrados
Cómpre lembrar que o lugar que ocupaba a fábrica, hoxe en estado ruinoso, ten unha superficie de 14.200 metros cadrados e unha superficie construída aproximada de 5.500 metros cadrados.
Conforme ao proxecto elaborado, primeiramente terá lugar a demolición da estrutura que aínda queda en pé e o acondicionamento do terreo en cuestión, incluíndo a demolición tamén dunha pista deportiva localizada a 300 metros e está situada sobre terreo dunar.
Revexetación
Posteriormente se procederá á revexetación da zona e ao establecemento dos espazos previstos para uso público.
Neste senso, crearase unha área deportiva que ocupará unha superficie de 1.120 metros cadrados e albergará unha pista de tenis de 15×32 metros e outra de futbito-baloncesto de 20×32 metros. Este recinto terá un pechamento metálico que quedará oculto tras unha pantalla vexetal formado por plantacións arbóreas autóctonas.
Anexo ao mesmo instalarase unha praza de pavimento de formigón impreso que estará bordeada por un murete de mampostería que servirá así mesmo de miradoiro.
Tamén será acondicionada a explanada situada fronte á antiga fábrica de salazón localizada no extremo sur, á que se lle proporcionará un acabado de pavimento natural terrizo.
Por outra parte, procederase a explanar e acondicionar con pavimento natural terrizo unha zona dirixida ao estacionamento de vehículos.
Por último, para propiciar o tránsito peonil, será executada unha rede de sendas con idéntico acabado en pavimento natural terrizo.
Unha vez finalizadas as obras, o Concello de Riveira farase cargo do mantemento de todo o enclave.











