O Concello do Porriño organiza unha xornada de portas abertas na casa consistorial
Co obxectivo de coñecer as dependencias municipais e o traballo diario que nelas se desenvolve, a Concellaría de Educación do Concello de Porriño, que dirixe Ana Martínez, organizou para os próximos días 21 e 24 de abril unha xornada de portas abertas dirixida a todos os veciños do municipio.
Do mesmo xeito que xa se está facendo cos centros educativos, trátase dunha visita guiada de carácter cultural e didáctico que pretende dar a coñecer a parte administrativa e a función de servizo público que prestan as diferentes áreas que conforman o Concello. Unha actividade na que xa tiveron a oportunidade de participar, durante os últimos cursos académicos, centos de escolares porriñeses e que nesta ocasión ábrese a toda a cidadanía.
Para facilitar a organización, as persoas interesadas en asistir a esta xornada deben inscribirse nos centros culturais e veciñais existentes nas diferentes parroquias, no centro cultural de Porriño ou no centro sociocomunitario situado na rúa Pío XII con prazo até o vindeiro mércores, 16 de abril.











