O Concello do Porriño lanza ‘O libro viaxeiro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O libro viaxeiro é a nova iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Educación que dirixe Ana Martínez e que se presenta con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil 2014. “Trátase dun libro creado para que percorra todos os colexios e as escolas infantís do municipio, no que os alumnos describan, a través de palabras ou debuxos, como é o seu colexio e o seu concello, que conten como son as instalacións, o funcionamento, o ambiente, as relacións cos seus profesores e compañeiros e todo aquilo que eles crean oportuno destacar”, explica Martínez.

O libro consta de portada e contraportada e de 125 follas en branco que serán nas cales os máis novos deixen reflectidas as súas impresións sobre a súa contorna máis próxima. Na portada aparece, entre outros elementos, un gato, de nome “Porri”, que será a mascota que acompañe ao libro polo seu periplo e na contraportada exponse unhas palabras do alcalde Nelson Santos dirixidas aos estudantes, a través das cales se lles convida a colaborar nesta actividade “enriquecedora e á vez divertida, mediante a cal se creará unha obra que logo formará parte do arquivo bibliográfico de Porriño quedando nos andeis da biblioteca municipal para que calquera persoa poida visionarla”, sinala o rexedor local.

O libro sairá do Concello nos próximos días e está previsto que permaneza en cada un dos 11 centros unha semana aproximadamente. Así visitará o sete colexios (Fernández López, Irmáns Quiroga, Santo Tomas, Antonio Palacios, Ribeira, Atios e Budiño), as dúas gardarías infantís e as escolas unitarias de Mosende e Pontellas.

2 de abril de 2014 | 19:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.