O Concello de Silleda dinamiza o rural coa dotación de parladoiros e puntos biosaudables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda vén de realizar un proxecto para dinamizar o rural do municipio, coa instalación dunha serie de espazos nos que se conxugue a actividade física co descanso e a socialización.

Este proxecto contempla a dotación combinada de elementos biosaudables cos chamados parladoiros, zonas de recreo dispostas con asentos onde poder descansar e falar. “Ademais de dinamizar as nosas parroquias, búscase favorecer as relacións interpersoais en zonas con poboación dispersa, ademais de fomentar a práctica de exercicio para os maiores”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Contemplase a dotación dun total de 16  parladoiros con exercicios biosaudables. Cada un deles constaría, segundo o proxecto, de dúas sillas, un banco e cadansúa placa identificativa, ademais de elementos para realizar exercicios biosaudables.

O orzamento total da actuación que se pretende levar a cabo ascende a 62.256 euros, IVE incluído. O proxecto foi presentado, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras do Deza,  ás axudas do Plan Leader, a fin de contar con subvención para poñer en marcha esta iniciativa, dentro dos programas destinados á diversificación da economía rural e mellora da calidade de vida.

19 de abril de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.