O Concello de Riveira convoca un certame de fotografía escolar para promover a igualdade de xénero
O Concello de Riveira acaba de convocar un certame de fotografía que busca promover os valores ligados coa igualdade de xénero e resaltar o papel da muller na sociedade entre a comunidade escolar do municipio. O seu título, “As mulleres de Riveira a través da cámara” e está dirixido a alumnos de ESO e Bacharelato dos diversos centros educativos.
A temática desta concurso, desenvolvido pola Concellería de Igualdade a través do CIM e cofinanciado pola Deputación, deberá plasmar os diferentes roles que ocupan a muller na actualidade e na historia, así como as situacións inherentes á conciliación no mundo familiar, laboral e social.
As fotografías poderán ser antigas ou ben de nova creación realizadas polo autor ou autora. As obras deberán presentarse en papel de fotografía en formato 18×24 ou tamaño superior, e irán pegadas a un soporte ríxido (cartolina, etc…). Deberán ser enviadas en sobre pechado ao Centro de Información á Muller, Deán Grande, nº4, baixo.
O prazo de presentación de fotografías principiou esta semana e estará aberto ata o día 30 de abril. Pódense presentar ata un máximo de tres.
Un xurado profesional seleccionará un total de trinta fotografías finalistas, entre as que, o día 6 de maio, se elixirá unha fotografía gañadora e dous accésits.
Próxima exposición
As trinta fotografías finalistas serán exhibidas nunha exposición que está previsto celebrar do 8 ao 31 de maio. Ademais, o primeiro premio constará de dúas entradas ao Aquapark de Cerceda. En canto aos dous accésits serán, por unha parte, dúas entradas para acudir aos Multicines Barbanza e, por outra, un pendrive.
“As mulleres de Riveira a través da cámara” é unha acción incardinada dentro do Programa de Prevención en Violencia de Xénero na Xuventude, sobre o que se teñen desenvolvido diversos obradoiros dirixidos a alumnado de educación secundaria en centros educativos.











