O Centro Recreativo de Artes de Riveira promove un concurso de poesía en lingua galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Centro de Recreativo de Artes promove, coa colaboración do Concello, a primeira edición dun Concurso de Poesía no que poderá participar calquera autor ou autora en lingua galega.

Haberá catro categorías en función da idade e o número de versos. Así, os autores de 9 a 11 anos deberán presentar unha peza poética de entre vinte e trinta versos. Haberá tres premios, consistentes nunha placa conmemorativa máis un vale para material escolar valorado en 100, 50 ou 25 euros, dependendo do posto acadado.

Os autores con idades de entre 12 e 14 anos deberán presentar unha peza poética de entre 25 e 50 versos. Os premios serán semellantes á categoría interior (placa conmemorativa e vale para material escolar de 100, 50 e 25 euros).

A terceira categoría integrará aos autores de 15 a 16 anos, quen deberán presentar composicións de entre 50 e 100 versos. Neste caso, ademais da correspondente placa conmemorativa, haberá vale para material escolar por valores de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros.

Premio de mil euros

Finalmente, os autores de 18 anos en diante deberán presentar unha obra poética ou colección de poemas cuxa extensión estea entre os 100 e os 200 versos en DIN A-4, letra tamaño 12 e fonte Arial ou Times New Roman. O tema será de libre elección e os premios de 1.000, 800 e 500 euros, ademais de cadansúa placa conmemorativa.

En todos os casos, os traballos deberán ser orixinais e inéditos. De acordo coas bases, deberán ser presentados por correo postal ao Centro Recreativo ou en documento pdf a centrorecreativoartes@gmail.com. O prazo de admisión finalizará o 30 de abril, ás 14 horas.

10 de abril de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.