O alumnado das escolas de Pontellas e Mosende comezará a ilustración do ‘Libro Viaxeiro’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Entrega do "Libro viaxeiro"

Entrega do “Libro viaxeiro”

O alcalde Nelson Santos acudía esta mañá á Biblioteca municipal, sita no centro cultural, para estar co alumnado das escolas unitarias de Pontellas e Mosende e facerlle entrega da obra O libro viaxeiro, a iniciativa posta en marcha pola Concellaría de Educación, que dirixe Ana Martínez, e que se presentou hai unhas semanas con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil 2014. “Trátase dun libro creado para que percorra todos os colexios e as escolas infantís do municipio, no que os alumnos describan, a través de palabras ou imaxes, como é o seu colexio e o seu Concello, que conten como son as instalacións, o funcionamento, o ambiente, as relacións cos seus profesores e compañeiros e todo aquilo que eles crean oportuno destacar”, explicaba Martínez.

Os 17 nenos e nenas destas dúas escolas, que hoxe realizaron unha visita á biblioteca municipal acompañados das súas profesoras, serán os primeiros en ilustrar as páxinas en branco. Así llo encomendou o alcalde, quen lles animou a participar desta actividade “enriquecedora e á vez divertida, a través da cal poderedes escribir e debuxar todo o relacionado co voso colexio”.

O libro consta de portada e contraportada e de 125 follas en branco que serán nas cales os máis novos deixen reflectidas as súas impresións sobre a súa contorna máis próxima. Na portada aparece, entre outros elementos, un gato, de nome “Porri”, que será a mascota que acompañe ao libro polo seu periplo e na contraportada exponse unhas palabras do alcalde Nelson Santos dirixidas aos estudantes, a través das cales se lles convida a colaborar nesta actividade “mediante a cal se creará unha obra que logo formará parte do arquivo bibliográfico de Porriño quedando nos andeis da biblioteca municipal para que calquera persoa poida visionala”, sinala o rexedor local.

Tras a súa estancia nas escolas unitarias de Pontellas e Mosende, o libro trasladarase a outro centro co obxectivo de percorrer, até final de curso, o sete colexios (Fernández López, Irmáns Quiroga, Santo Tomas, Antonio Palacios, Ribeira, Atios e Budiño) e as dúas gardarías infantís.

22 de abril de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.