Máis de 160 corredores participarán na VIII Carreira de Campo a Través do Corgo
A oitava edición da Carreira de Campo a Través do Corgo vai servir este sábado para dar o pistoletazo de saída a unha nova convocatoria –a sétima xa- do Circuíto de Carreiras Populares Concello de Riveira – A Poutada. Mañá finaliza o prazo de inscrición para esta primeira proba e, co arreón de anotacións finais, a organización espera poder alcanzar entre os 160 e os 180 corredores que, ás 17.30 horas, se personen no lugar de Teira para disputar a competición.
Eduardo Iglesias, no nome da asociación organizadora Arousa Natureza e Ocio; Juan Luis Martínez como edil de Deportes do Concello; Javier Sampedro como técnico municipal; e Pablo González en representación do patrocinador principal Náutica A Poutada, foron os encargados de desvelar os aspectos máis novidosos tanto da cita do Corgo como do Circuíto de Carreiras Populares.
Sobre este último aspecto, por segundo ano consecutivo serán cinco o número de citas que integran o calendario tras a inclusión o ano pasado da carreira de Castiñeiras. Despois da do Corgo en Corrubedo, sucederanse a XI Carreira Popular da Virxe da Guía (en Carreira, o 17 de maio), a II Carreira Nocturna de Castiñeiras (na parroquia do mesmo nome o 7 de xuño), a VII Carreira do Demo (o 24 de agosto en Artes) e a XVII Carreira Popular de Santa Uxía (o 28 de setembro na cidade capital do municipio).
Unha das novidades do circuíto é o feito de que os corredores que corran as catro primeiras citas non terán que abonar o custe de inscrición da quinta (Santa Uxía). O prezo por participar será semellante en todos os certames por consenso das entidades organizadoras: seis euros.
Doce quilómetros
Polo que respecta á Carreira do Corgo, contará cunha modalidade individual (masculina e feminina) e outra por parellas. O circuíto será integramente sobre terra, atravesando lugares de tanta espectacularidade e beleza natural como o monte Facho, o Corgo e os campos de Teira. Terá unha lonxitude de doce quilómetros.











