Libros e produtos artesáns protagonizan unha feira tradicional no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Produtos acabados en madeira, coiro ou fío xunto a unha gran selección bibliográfica é o que calquera pode ver e adquirir na IV Feira do Libro e a Artesanía de Porriño. Desde onte e até mañá sábado, unha vintena de postos instalados na praza Arquitecto Antonio Palacios móstrannos e ofrecen réplicas de madeira, artigos de coiro, abelorios feitos a man, rosquillas, filloas, churros, discos de música, películas e, por suposto, libros de diversas temáticas e xéneros.

Tras o éxito das edicións anteriores, a Concellaría de Cultura que dirixe Teresa Veloso, organiza un ano máis este evento os días 10, 11 e 12 de abril en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas na zona peonil. Desde o Concello de Porriño convidan a todos os veciños, asociacións e centros educativos a que se acheguen ao longo destes días e observen en directo a elaboración artesanal de determinados produtos, así como a oferta literaria exposta polos propios libreiros porriñeses. O alcalde Nelson Santos sinala “con este evento preténdese, ademais de dinamizar o comercio local, intensificar a vida cultural e de lecer de todos os porriñeses e visitantes”. Así mesmo, desde o Concello felicitan a todos os artesáns pola súa dedicación e o traballo ben feito.

Ademais da oferta exposta nos diferentes postos programáronse actividades de maneira paralela como a representación dun contacontos dirixido a todos o públicos pero en especial aos máis pequenos da casa. Serán os actores da compañía Atrezo Teatro os encargados da representación que se realizará hoxe e mañá ás 18.00 horas.

Por outra banda, durante as xornadas pódese observar e participar da elaboración de rosquillas artesanais. Así, grupos de alumnos de diferentes colexios acudiron para porse “mans á masa”. Trátase dun posto no que ademais de vender este produto típico galego móstrase, coa posta en marcha dun forno de leña e unha mesa para amasar, todo o proceso de elaboración, totalmente artesanal, dos diferentes tipos de rosquillas e melindres. Desta maneira, os máis novos poden eles mesmos amasar, darlle forma e introducir no forno o produto para o seu inmediato consumo.

Outros postos moi concorridos son os de complementos, como moedeiros, broches, diademas, pulseiras ou colares, e outros de obxectos elaborados a man como cestos, zuecos e figuras de madeira.

Os libros son os outros grandes protagonistas, con motivo ademais da próxima celebración do Día Internacional do Libro. A oferta exposta nas diversas casetas está dirixida a todos os públicos -infantil, xuvenil e adulto- e en diferentes formatos e xéneros, desde a novela, a poesía ou o teatro.

11 de abril de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.