Holanda, Alemania e as forzas armandas preséntanse como alternativas á situación de desemprego
Holanda, Alemaña e as Forzas Armadas presentáronse esta mañá en Porriño, no Triángulo de Emprego, como posibles saídas laborais. Na décima xornada deste programa, a terceira do mes de abril dedicado exclusivamente ao emprego, numeroso público, entre o que se atopaban tamén o alcalde Nelson Santos e o concelleiro de Emprego e Formación M. Alejandro Lorenzo, asistiu interesado en coñecer as ofertas de traballo existentes a día de hoxe, vendo cales son os perfís máis demandados e os requisitos precisos para poder optar a elas.
As Forzas Armadas como unha opción de formación e emprego
A oferta de emprego nas Forzas Armadas e en países da Unión Europea centrou dúas das conferencias. César Barros, capitán de fragata, e Manuel Álvarez, comandante, deron a coñecer as Forzas Armadas Españolas como unha opción atractiva de formación e emprego estable. “E é que ademais dun posto de traballo, na maioría dos casos permanente, tamén é un centro de formación, onde moitos profesionais adquiren novos coñecementos e mesmo titulacións e van ascendendo a postos máis altos; unha formación que, á vez, é ademais remunerada”.
A crise e a importante taxa de desemprego supuxo unha alta demanda neste sector e é que “si hai anos non se cubrían todas as prazas que se ofertaban, a día de hoxe a demanda supera con fartura a oferta”, sinalaban facendo referencia á convocatoria actual de 2.000 prazas para todo o territorio nacional e para as cales se presentaron máis de 40.000 candidatos. Capitán e comandante explicaron as dúas maneiras de acceder, ben por ingreso directo ou por promoción interna, e o tres escalas existentes no corpo xeral (terra, mar e aire): oficiais, suboficiais e tropa, sinalando os requisitos para acceder a cada unha delas, que son os méritos académicos e a idade, ademais logo dunhas probas de acceso.
O sistema de ingreso é de concurso–oposición, “por unha banda valóranse os méritos académicos, e por outro se realizan diversas probas: de inglés, de aptitude psicofísica (recoñecemento médico e probas físicas e psicolóxicas) e doutra índole en función da escala e posto”. Para entrar en tropa o título mínimo esixido é o graduado en ESO e un límite de idade de 29 anos, tendo que superar daquela un test en liña de aptitudes e unhas probas físicas e médicas. Para ingresar directamente na escala de suboficiais, ben se ten que posuír o título de Bacharelato e non ser maior de 21 anos ou un grao superior e non ter máis de 26 anos, no entanto para esta escala polo menos o 80% das prazas que se ofertan están reservadas para promoción interna. Para ingresar como oficial de maneira directa, ben hai que estar en posesión dun título universitario e non ter máis de 26 anos ou ter realizada a selectividade e ser menor de 20 anos. “A vantaxe da promoción interna nas escalas de suboficiais e oficiais está en que a marxe de idade é máis amplo, os requisitos académicos esíxense igualmente como a calquera persoa que accede desde fóra, pero os límites de idade son maiores”.
Capitán e comandante sinalaron ademais as diferentes prazas ofertadas dentro da escala de oficiais, como son enxeñeiros, xurídico militar, enfermeiros, músicos, médicos e médicos especialistas, entre outras modalidades, e indicaron a páxina web http://www.reclutamiento.defensa.gob.es para unha maior información respecto diso.
Ofertas de emprego en Holanda e Alemaña
Henk Van Soest, da empresa Traballar en Holanda SL, achegou aos asistentes a oferta de emprego existente a día de hoxe en Holanda e tamén en Alemaña, entre outros países da Unión Europea. O responsable desta entidade, que “conecta as empresas holandesas co talento español”, asegurou a boa relación entre España e Holanda e a preferencia dos empresarios holandeses por contratar a profesionais españois en detrimento, por exemplo, dos europeos do Leste.
No seu obxectivo de procura e selección de empregados para o mercado laboral holandés, esta empresa realiza os seus propios programas de recrutamento e mantén tamén relacións con organismos de emprego estatais e rexionais. Henk Van Soest explicou que a día de hoxe os perfís máis buscados en Holanda son, por unha banda, enxeñeiros industriais, mecánicos e navais e, por outra, técnicos con FP das ramas de produción mecanizada (sobre todo torneros e fresadores –perfís tamén moi demandados aquí-) e robótica. Por outra banda, en Alemaña existe unha alta demanda, no sector da sanidade, de enfermeiros, dentistas e farmacéuticos. Para cubrir todos estes postos ademais de formación específica é imprescindible o manexo, escrito e falado, do idioma estranxeiro, non só do inglés senón tamén no caso dos Países Baixos do holandés e no país xermano do alemán.
Na páxina web da empresa www.trabajarenholanda.es móstranse as diferentes ofertas de emprego, os procesos de selección e os proxectos nos que se está traballando. Así, dous dos programas máis inmediatos, e que Henk Van Soest explicou hoxe, son, por unha banda, un grupo de 15 mozos que se irán nunhas semanas a Holanda para ser entrevistados pola empresa, “a cal tras realizar a selección enviaraos de novo a España para que se formen en holandés e tras este período incorporaranse cun contrato de seis meses”. Outro dos proxectos é dun grupo de soldadores que demanda unha empresa de Róterdan, “entrevistaranse a 40 persoas no CIFP de Coia-Vigo e delas 10 serán as seleccionadas para comezar a traballar cun contrato de mínimo un ano de duración”, sinalaba; neste caso, lembrou que o proceso aínda está aberto e que aínda se reciben a candidatos para que opten a esta decena de postos para o que se realizarán as probas a principios do mes de maio.
Playdesa e Lonza
A xornada de hoxe foi aberta por Pablo Bua, responsable de Recursos Humanos de Plásticos e Desenvolvementos SA (Playdesa), que contou aos presentes as pautas que seguiu a empresa para “sortear” a crise existente desde o punto de vista do departamento que o dirixe.
Pola súa banda, María Vázquez, de Lonza Biologics Porriño, foi a encargada de clausurala dando a coñecer a multinacional que conta con centros de produción e desenvolvemento e investigación en 40 localizacións repartidas por todo o mundo, nas que emprega a máis de 10.000 persoas. Vázquez explicou que actualmente a planta de Lonza en Porriño conta cun persoal dunhas 280 persoas, sendo o 92% persoal altamente cualificado e novo, cunha idade media de 36 anos. Neste sentido, destacou que os perfís profesionais que busca Lonza son, principalmente, licenciados na área das Ciencias da Saúde e graduados en ciclos superiores da rama química da Formación Profesional.
Próxima xornada, xoves 10 de abril
O Triángulo de Emprego continúa este xoves, 10 de abril, no Multicentro de Torneiros. Desde as 09.30 e até as 14.00 horas trataranse temas relacionados co emprego.
Nesta ocasión a xornada estará composta por cinco relatorios. Ás 09.30 horas Estrela Souto, do Grupo&P A Formación e Consultoría, explicará como e onde buscar traballo. Ás 10.00 horas Fernando Cadrado, director de RR. HH. do Grupo Ganain, falará da situación actual do sector naval. Unha hora máis tarde, Teresa González e Elisa González, en representación do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, darán a coñecer os instrumentos para a mobilidade laboral en Europa. Ás 12.00 horas, Javier Pereiro e Santiago Álvarez, de Feuga, ofrecerán un relatorio sobre os programas de bolsas Feuga. E, para finalizar, Yolanda Gómez, da Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, centrará o seu relatorio no emprego en turismo e restauración.











