Francisco Sánchez documentou 223 incidentes marítimos entre a illa de Sálvora e As Basoñas
As conferencias que sobre naufraxios está a acoller dende a semana pasada o Abril Literario de Riveira seguen a caracterizarse por un alto nivel coa intervención de Francisco Sánchez Fraga, o relator que durante máis dunha hora deleitou na tarde de onte ao público congregado no Centro Cultural Lustres Rivas cos seus enciclopédicos coñecementos sobre as dúas temáticas analizadas durante a súa disertación: o salvamento marítimo e os naufraxios na costa de Corrubedo.
O conferenciante demostrou ser un auténtico experto en ambos campos. Non en van, é membro na reserva do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) da Garda Civil (estivo en activo dende os 21 ata os 58 anos) e durante catorce anos foi xefe de base da Cruz Vermella na Coruña, o que o faculta para falar con coñecemento de causa sobre a evolución experimentada polos servizos de salvamento marítimo no litoral galego e estatal.
Así, Sánchez Fraga salientou a precariedade de medios de todo tipo que caracterizou durante moitos anos o salvamento marítimo en España, algo que só durante as últimas décadas se logrou solucionar. Ao longo da súa exposición, relatou numerosas anécdotas e experiencias (algunhas delas moi duras e dramáticas) sufridas durante a súa vida profesional como mergullador de rescate, ademais de exhibir recentes vídeos do Santa Ana no fondo do mar.
Sobre os naufraxios acontecidos no entorno de Corrubedo, ofreceu numerosos datos. Sánchez Fraga ten documentados un total de 223 incidentes acaecidos entre Sálvora e As Basoñas, dos cales o relator resaltou especialmente cinco: os dos buques Captain (afundido en 1870 con 482 tripulantes mortos), Friesland (afundido en 1877 con 144 desaparecidos), Don Pedro (1895, 89 mortos), Salier (1896, 279 desaparecidos) e Santa Isabel (1921, 213 mortos).
Entre os asistentes figuraban varios edís municipais, como as concelleiras de Educación e Cultura, Maricarmen Vizcaya e Elvira Pisos, e o de Seguridade Cidadá, Víctor Reiriz.
Sánchez Fraga é o actual presidente da Agrupación de Voluntarios da Garda Civil de Riveira.











