Éxito da estrea teatral ‘Aantiheroica’ na celebración do Día Internacional do Libro en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O acto de conmemoración do Día Internacional do Libro organizado polo Concello de Riveira a través da súa área de Educación resultou ser un éxito, a raíz da magnífica acollida que esta actividade -a estrea da obra teatral “Antiheroica” por parte de U-Tópico Teatro- recibiu dos máis de 250 estudantes dos distintos centros de secundaria do municipio e máis do centro integrado de formación profesional que encheron o Auditorio Municipal.

A peza estivo dirixida por Vanesa Sotelo, con actuacións de Toni Salgado e do pobrense Fran Godón, que é ademais o autor do texto dramático. Trátase da historia de dous antiheroes, únicos habitantes dun espazo impersoal, pechado e infinito. A morte, a herdanza, a soidade e o tempo son algunhas das claves universais e eternas sobre as que se constrúe esta proposta na que a morte e a resurrección fían as escenas na espera de atopar un sentido que nunca chega.

Ameno coloquio

Unha vez finalizada a función, Sotelo,  Salgado e Godón se prestaron con gusto a respostar as moitas preguntas e inquedanzas formuladas por alumnos presentes, interesados en afondar nalgunhas das claves para entender a obra e para saber algo máis acerca do mundo do teatro en xeral. A sintonía de directora e autores co público foi notorio.

Alicia Padín, responsable de Normalización Lingüística do Concello, foi a encargada de introducir esta actividade.

23 de abril de 2014 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.