publicidade hoxe

Comezan as melloras en seis centros de infantil, primaria e secundaria da área da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaArteixoBetanzosLocal PortadaOleirosSada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Xefatura Territorial, iniciou hoxe diversas obras de mellora en seis centros de ensino da cidade da Coruña e da área metropolitana. Estas actuacións desenvolveranse ao longo dos vindeiros días nos colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) San Xosé Obreiro, de Arteixo; Ramón María Valle-Inclán, de Oleiros; e Pedro Barrié de la Maza de Sada. De igual forma, tamén se intervirá nos institutos de Educación Secundaria (IES) de Elviña, da Coruña; Francisco Aguiar, de Betanzos; e Isaac Díaz Pardo, de Sada.

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, explicou que se aproveitará o período non lectivo de Semana Santa para levar a cabo estas obras, co fin de non interferir no desenvolvemento normal da actividade académica.

O departamento autonómico consignou un orzamento de 59.570 euros para a realización de estas actuacións de mantemento e acondicionamento das instalacións educativas. Así, en Arteixo repararase o peche perimetral do CEIP San Xosé Obreiro e no Pedro Barrié de la Maza, de Sada, arranxarase a cuberta. Ademais, no colexio Ramón María Valle-Inclán, de Oleiros, levarase a cabo a reforma do ascensor. Do mesmo xeito, nos institutos de Elviña e Isaac Díaz Pardo, de Sada, procederase á eliminación das goteiras, mentres que no IES Francisco Aguiar, de Betanzos, reformarase a sala de caldeiras.

O obxectivo destas actuacións, segundo indicou Do Campo, é dar resposta ás necesidades educativas detectadas en cada municipio e mellorar as condicións de traballo e estudo dos mestres e alumnos. Ademais, todas as medidas foron consensuadas coas comunidades educativas de cada centro.

14 de abril de 2014 | 13:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.