Cheo total na función de monicreques no auditorio de Riveira polo Día Internacional do Libro Infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Tal e como se vén facendo desde o ano 1967, Mañá 2 de abril conmemórase o nacemento de Hans Christian Andersen. A IBBY declarou esa data Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, co fin de lembrar a importancia de ofrecer  bos libros a todas as nenas, a todos os nenos, libros de calidade que esperten a súa imaxinación e os axuden a medrar como lectores e como persoas.

O Concello de Riveira, a través das concellerías de Cultura e Educación, organizou un espectáculo de monicreques, integrado dentro da VII Mostra Ti-ti Ritando de Emoción de Riveira, titulado “Martín, Martín” a cargo da compañía Mircromina Títeres. A función  tivo lugar hoxe ás 11 horas no Auditorio Municipal cun cheo absoluto (279 persoas) con nenos e nenas de 2º Curso de Educación Primaria de todos os centros educativos do municipio.

O acto foi introducido por Segundo Durán, “Chiki”,  programador cultural e director das escolas municipais de teatro, acompañado de Unai González de Cultura e Alicia Padín, Normalizadora Lingüística do Concello. Chiki fixo unha breve reflexión sobre esta conmemoración e a súa orixe ademais de interaccionar cos nenos presentes facendo preguntas como que contos coñecían de Andersen ou se sabían porque se celebraba este día.

O espectáculo combinou os monicreques de “dedo” con actores en vivo, facendo un espectáculo interesante ao redor dun personaxe chamado Martín, ao que seu pai chamaba Martín, Martín para que fixese caso a segunda vez…

Con esta función deuse comezo á VII Mostra de Monicreques de Riveira, que continuará os vindeiros sábados do mes de abril, ás 19 h no Auditorio, entrada de balde, a recoller ½ h antes das funcións, os días 5, 12 e 26 con Cascanueces, Tanxarina e El retrete de Dorian Gray respectivamente.

1 de abril de 2014 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.