Castiñeiras, Oleiros, Palmeira e Riveira acollerán os cursos municipais de informática
O Centro Cultural Lustres Rivas foi escenario onte pola tarde do acto de entrega de diplomas aos cursos de informática a que deu cabida o concello neste último trimestre. Veciños das parroquias de Aguiño, Carreira e Santa Uxía encheron con tal motivo o salón de actos, nun evento que estivo presidido polo alcalde Manuel Ruiz e contou coa intevención do concelleiro de Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez, e o axente TIC Abel Alonso.
Alfabetización dixital, DNI electrónico e certificados dixitais, creación de blogs, retoque fotográfico, iniciación a procesadores de texto, follas de cálculo e edición de vídeo foron as especialidades impartidas, ata sumar un total de 16 cursos.
Durante o apartado de intervencións, tanto o axente TIC como o alcalde e o concelleiro incidiron na importancia de actualizarse conforme avanzan as novas tecnoloxías e destacaron a calidade de ferramentas como a nova web turística de Riveira, en fase beta, que pronto se verá acompañada cunha nova web municipal. Tamén se avogou por realizar un uso ético e racional das posibilidades que brinda internet e as redes sociais.
Inscrición
Por outra parte, informouse da apertura do prazo de inscrición dos novos cursos de informática que van ter lugar, esta vez nas parroquias de Castiñeiras, Oleiros, Palmeira e Riveira. O prazo iniciarase este luns e os interesados poderán inscribirse na Aula CeMit, situada na rúa número 1 do lugar de Cubeliños (teléfono: 981 876 043). Tamén cabe a posibilidade de inscribirse vía web en https://aulascemit.xunta.es/inscripcion/spring/login
Os cursos desenvolveranse entre o 5 de maio e o 26 de xuño e as especialidades impartidas serán as de alfabetización dixital, edición de vídeo, iniciación á ofimática, DNI electrónico e certificados dixitais e retoque fotográfico.











