As primeiras conferencias sobre naufraxios en Galicia enchen o aforo do Centro Cultural Lustres Rivas
A sala multiusos do Centro Cultural Lustres Rivas encheuse para a ocasión con motivo das dúas primeiras charlas organizadas pola Concellería de Educación dentro do seu ciclo “Naufraxios. Historia e Literatura”, promovido no marco do Abril Literario 2014.
Tras unha presentación a cargo do arquiveiro municipal José Antonio Otero Sobrido, o primeiro dos relatores en falar foi José López Redonda, Pepe de Olegario, patrón de pesca xubilado nacido no municipio de Fisterra que leva dende o ano 1966 documentando sinistros náuticos acontecidos nas costas galegas, que despois plasmaría graficamente a través da elaboración de centos de minuciosas cartas náuticas, entre elas as dez que se poden ver na exposición paralela situada na veciña Biblioteca Municipal.
Durante a súa intervención, López Redonda contou numerosas anécdotas relacionadas coa súa vida no mar e a evolución das tecnoloxías. Por exemplo, lembrou que en 1962 comprou un barco que lle custou 75.000 pesetas ao que lle puxo unha sonda de 100.000 pesetas. “A xente pensaba que estaba tolo, pero despois aos dous días toda a xente andaba trala miña sonda”, explicou o mariño, quen destacou que despois de “toda unha vida pelexando”, decidiu trasladar aos planos todo o aprendido, planos que foi perfeccionando coa investigación e lectura de numerosos libros de naufraxios.
A continuación interveu Miguel San Claudio Santa Cruz cunha conferencia titulada “Arqueoloxía submarina: restos de naufraxios”. San Claudio é autor de diversos estudos e libros sobre esta temática, ademais de dirixir máis de cincuenta intervencións submarinas e traballar no Museo Nacional de Arqueoloxía Subacúatica, no Museo Arqueolóxico da Coruña e no Museo Provincial de Ourense.
Miguel San Claudio declarou que dende o punto de vista marítimo Galicia está situado “en el meollo de la comunicación de la historia de la humanidad”, ao ser punto de tránsito obrigado na ruta comercial que comunica o norte de Europa co sur de Europa, co Mediterráneo e co resto do mundo, a excepción de certas partes de América. De resultas disto, Galicia ten un dos máis importantes cemiterios de buques do planeta, onde hoxe en día aínda seguen pasando a todas horas miles e miles de embarcacións.
Sobre a base desta afirmación, o arqueólogo submarino foi amosando mediante fotografías e vídeos algúns dos descubrimentos que el e máis seu equipo teñen atopado en augas galegas no curso das súas expedicións. Achados como os cañóns, o temón ou o equipamento dun médico militar atopados entre os pecios dun galeón da armada española de 1596 ou a vaixela, un anel e outros obxectos pertencentes ao Great Liverpool, buque afundido en 1846.
Como corolario, San Claudio destacou a riqueza do patrimonio subacuático galego e enfatizou a necesidade de poñelo en valor.
A concelleira Maricarmen Vizcaya agradeceu aos espectadores a súa asistencia e convidounos a voltar o vindeiro xoves con motivo da terceira das charlas programadas, a cargo de Francisco Sánchez Fraga, quen falará de “Salvamento Marítimo. Naufraxios na costa de Corrubedo”.











