As praias abertas do Vilar e A Ladeira, en Riveira, contarán con socorristas no caso de bo tempo en Semana Santa
Dando resposta a un compromiso asumido polo Executivo de Riveira o ano pasado, o Concello ten previsto activar un dispositivo de vixilancia nas dúas praias abertas máis frecuentadas do municipio -O Vilar e A Ladeira- no caso de que as previsións meteorolóxicas apunten a bo tempo nas vacacións de Semana Santa.
De ser así, cada areal contará con dous socorristas que operarán dende o xoves 17 ata o domingo 20 de abril, ambos inclusive, e se encargarán da salvagarda dos bañistas nunhas datas de grande afluencia turística.
Por outra parte, respostando tamén a un compromiso plenario e seguindo as recomendacións emitidas pola coordinación do servizo de salvamento en 2013, se está procedendo á instalación de dez paneis informativos en tres idiomas (galego, castelán e inglés) nos que, dada a potencial perigosidade das correntes de catro areais, se recomenda precaución á hora do baño.
Catro destes elementos están situados na praia do Vilar e outros dous na Ladeira, aos que se sumarán outros dous na praia de Balieiros (en Corrubedo) e dous na parte riveirense do areal de Espiñeirido que o concello comparte con Porto do Son.
Limpeza
Por último, cómpre engadir que dende hai varios días se está procedendo coa limpeza das distintas praias do municipio para que nestes días de lecer se atopen en óptimas condicións.











