publicidade hoxe

Antonio Pérez: “Un adestrador asistente debe apoiar ao primeiro técnico desde a lealdade e o compromiso”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus ultima os detalles do II Clínic ‘Desmontando ao Adestrador Axudante’, que se celebrará no municipio de Boiro durante os próximos 18 e 19 de xullo. Aproveitando a súa visita a Santiago de Compostela a pasada semana co C.B. Valladolid, Antonio Pérez Caínzos, relator do programa e membro do corpo técnico dos do Pisuerga, deu a súa visión da figura do adestrador axudante e as claves da súa futura conferencia.

O ferrolán, que desenvolveu a maior parte da súa carreira no Basquet Coruña, coñece ben as diferenzas entre un primeiro e un segundo técnico, xa que exerceu durante a súa vida os dous roles. “O grao de responsabilidade é moi diferente: o primeiro adestrador é sempre quen debe responder en público, dar a cara por así dicilo. O papel do segundo non é fácil tampouco, pero si moi distinto,“ declara. Ademais, o seu paso por categorías inferiores antes de chegar á liga Endesa ensinoulle como condiciona o seu traballo esta diferenza de nivel: “Non é o mesmo tratar cun xogador de Liga EBA que de primeira categoría, principalmente pola diferenza de calidade técnico-táctica, pero ás veces o cambio reside simplemente nos recursos económicos e materiais”.

Entre as súas resposabilidades atópanse as de analizar o rival, así como o xogo propio ou traballar a mellora individual técnico-táctica e psicolóxica de cada xogador. Pero ademais de todo isto, confesa: “Un debe ser sempre un apoio para o técnico principal a todos os niveis, traballar con el desde a lealdade e o compromiso”.

Como doutorado en Psicoloxía, considera esta rama intrínseca a calquera labor profesional e deportivo. No caso do baloncesto, “é necesaria tamén unha conexión grupal, unha tarefa de psicoloxía colectiva para ter valores de equipo”, afirma Pérez.

O ano pasado xa asistiu ao Clinic como público e que considera que “non hai outro así en España. Atraeu a tanta xente na súa primeira edición precisamente por iso”. Por iso pretende que os oíntes “non sexan só profesionais, senón tamén adestradores de base ou mesmo afeccionados que se poida levar a casa consellos para o seu día a día”. O seu relatorio, que abrirá o ciclo o venres 18 de xullo ás 17.00 horas, virará ao redor da Preparación para a Competición, centrándose en diferenza do adestramento físico individualizado que necesita cada xogador segundo a súa posición e constitución.

25 de abril de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.