Alumnado do Ceip Antonio Palacios descobren o xurdir da praza de abastos do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Visita de escolares á praza de abastos

Visita de escolares á praza de abastos

40 escolares de cuarto e quinto de Educación Primaria do CEIP Antonio Palacios desprazáronse esta mañá desde Torneiros, atravesando a senda do Louro, até a praza de abastos de Porriño para participar dunha visita guiada organizada pola Concellaría de Prazas e Mercados, que dirixe María José Martínez. A arquitecta municipal Alba Rodríguez e o veterinario de saúde pública Gerardo Rodríguez, a quen tamén acompañou a concelleira.

A actividade didáctica, da cal participaron hai unhas semanas outro grupo de escolares do colexio Fernández López, “trata de achegar aos máis pequenos a vida da praza de abastos, que teñan a oportunidade o seu funcionamento, desde os seus inicios até a actualidade, a súa historia, o seu deseño e tamén os diferentes postos que existen e os produtos que estes ofrecen, incluíndo a segunda planta, que moitos descoñecen a súa apertura e funcionamento”, explica Martínez.

A arquitecta municipal explicoulles como xurdiu a necesidade de construír o edificio e a súa estrutura “pertencente ao racionalismo, co que se buscaba que cada cousa que se colocase respondese á súa función, evitando así elementos de ornamentación”. A praza de abastos de Porriño data do ano 1974, “José Bar Boo foi o arquitecto que a ideou, pero foi Desiderio Pernas quen a finalizou”, explicaba Rodríguez aos escolares entregándolles unha fotografía na que se podía observar como era antes o mercado municipal, composto de dous edificios, nun vendíase a froita e a verdura e no outro o peixe e a carne. Unha división que se segue a día de hoxe por motivos sanitarios, pois aínda estando xa todo nun único edificio, a planta divídese en dous partes: froitas e verduras e carnes e peixes, ampliando ademais a oferta a unha segunda planta na que hai dispoñibles varios locais e que actualmente acollen unha tenda de produtos ecolóxicos e dous establecementos de barbaría e estética. Alba Rodríguez completou as súas explicacións, seguidas de maneira moi atenta polo alumnado, indicando que esta praza de abastos foi dos primeiros edificios nos que se utilizou o policarbonato (unha especie de plástico) a modo de parede e co obxectivo de que entrase maior luz natural, “entón, por aquela época, supuxo unha iniciativa moi innovadora”, sinalou; así mesmo, tamén destacou as pezas de granito que recubren a fachada “facendo alarde á pedra típica de Porriño”.

Pola súa banda, Gerardo Rodríguez centrou as súas explicacións na natureza e características dos produtos que se poden adquirir na praza de abastos. O veterinario referiuse á etiqueta do produto para saber si está a adquirirse algo fresco, xa que “a etiqueta é a principal garantía de calidade”. Así lles explicou toda a información que contén este selo, desde a orixe do produto, a categoría, a trazabilidad, etc. E para pór en práctica o explicado, os escolares realizaron un percorrido polos diferentes postos onde puideron comprobar a etiquetaxe dos produtos.

O alcalde Nelson Santos valora moi positivamente e aplaude esta iniciativa que complementa a outras xa levadas a cabo na praza de abastos como as demostracións culinarias, o sorteo de cheques regalo ou o acordo de utilizar unha indumentaria oficial, “iniciativas todas elas supoñen unha posta en valor do noso comercio local, que xoga sempre un valioso papel dinamizador e revitalizador do municipio”, remarca Santos. Desde o Goberno local sublíñase que actividades como estas realízanse co obxectivo de impulsar á praza de abastos, dinamizando o seu día a día e atraendo a novos consumidores. Un obxectivo que se está conseguindo paulatinamente e mostra diso é a apertura de novos locais cunha nova oferta de produtos e servizos

8 de abril de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.