Acciona Infraestruturas obtivo a clasificación máis alta no concurso das obras de reorientación do novo mercado de Riveira
O Concello de Riveira acordou no pleno ordinario de marzo e pola vía de urxencia aprobar a clasificación das empresas que se presentaron para a execución do proxecto de reorientación e finalización do novo mercado municipal, de acordo coa proposta realizada pola mesa de contratación tras a súa reunión de onte pola mañá.
De resultas desta clasificación, a empresa Acciona Infraestructuras, S.A, foi a que acadou a maior puntuación de entre as 23 propostas presentadas. A súa oferta económica ascende a un prezo total de 2.240.669,37 euros máis IVE e un prazo de execución de 270 días naturais (9 meses).
De acordo co disposto no texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público, requiriuse a esta empresa para que, nun prazo de 10 días hábiles, presente no rexistro xeral do Concello un conxunto de documentación complementaria, antes proceder se procede coa adxudicación definitiva en pleno.
O novo mercado municipal é unha das actuacións máis importantes entre as incluídas no proxecto Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder. O novo proxecto mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ao tempo que dar ao inmoble unha concepción unitaria que favoreza as sinerxías entre as mesmas, evitando que algunha puidese quedar desocupada por posuír un menor atractivo comercial.
Un dos cambios máis significativos será que as escaleiras mecánicas chegarán ata a última planta . Ademais, o oco que opera como lucernario interior mantén unhas medidas semellantes nas distintas plantas en lugar de irse reducindo gradualmente.
A planta baixa quedará ocupada polos praceiros actuais e a primeira albergará produtos complementarios a esta. En canto ao segundo e o terceiro andar, están pensados para os sectores de restauración e servizos. Ambas estarán totalmente acondicionadas (a diferencia do que acontecía no documento orixinal) e contarán con grandes aperturas para disfrutar das vistas.











