A programación do abril literario de Riveira centrarase nos naufraxios en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A partir de mañá mesmo dará comezo a programación do Abril Literario que organiza cada ano a Concellería de Educación de Riveira. Nesta edición, a acción divulgativa abordará a temática dos naufraxios na nosa Comunidade, realizando unha aproximación a este tema tan presente na vida dos galegos a través de catro conferencias e unha exposición.

A concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya, presentou o calendario de ventos acompañada pola súa compañeira de Cultura, Elvira Pisos, e polo arquiveiro municipal José Antonio Otero.

Anticipo da mostra sobre Santa Isabel

Así, dende mañá e ata o 30 de abril poderá ser contemplada na Biblioteca Municipal a exposición “Naufraxios: Historia e Literatura”. Segundo explicou Maricarmen Vizcaya, esta mostra pretende servir de prolegómeno á máis ambiciosa exposición que o Concello de Riveira vai dedicar á traxedia de Santa Isabel.

Estará integrada por un conxunto de cartas mariñas do litoral galego nas que están inventariadas máis de mil afundimentos: un labor realizado por José López Redonda ou “Pepe de Olegario”, natural de Fisterra, que co descorrer dos anos se ten convertido nun auténtico experto nesta materia.

As cartas virán acompañadas dunha vintena de documentos procedentes do arquivo municipal nos que, a través de actas, oficios, boletíns e outras publicacións, se dá testemuña de numerosos naufraxios e accións de socorro, principalmente nas costas riveirenses. Así mesmo, a exposición conta cunha escolma de cincuenta libros con obras de investigación e divulgación, xunto con volumes de ficción narrativa infantil, xuvenil e adulta.

Polo que respecta ao programa de conferencias, desenvolverase os xoves 3, 10 e 24, a partir das 20 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. Son de acceso libre e carácter gratuíto.

A de mañá será unha sesión dobre con dous charlas: unha a cargo do antedito José López Redonda, que levará por título “Cartas Náuticas de Naufraxios”, e a outra impartida polo reputado mergullador e arqueólogo submarino Miguel San Claudio Santa Cruz, quen disertará sobre “Arqueoloxía submariña: restos de naufraxios”.

O día 10 de abril intervirá Francisco Sánchez Fraga, membro na reserva do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS) e que integra no seu currículo libros tanto sobre actividades de rescate como tamén do pobo de Corrubedo, no que está afincado dende 1992. Simbiose destes dous eidos, a súa ponencia titúlase “Salvamento marítimo. Naufraxios na coste de Corrubedo.

Por último, o historiador e investigador Rafael Lema Mouzo pechará o ciclo de conferencias o día 24 coa súa disertación “Naufraxios na costa galega”. 

 

2 de abril de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.