A ollada de 53 artistas sobre as Illas Atlánticas plásmase nunha mostra pictórica en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Inauguración da mostra pictórica

Inauguración da mostra pictórica

Numero público animouse na noite de ante a asistir no centro Lustres Rivas ao acto de inauguración de “Lenzos de Natureza”, unha exposición que esta instalación cultural vai exhibir ata o vindeiro 20 de maio.

O alcalde Manuel Ruiz, como máximo representante municipal, e José Antonio Fernández Bouzas, como director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, foron os encargados de abrir –tras as verbas introdutorias da edil Elvira Pisos- unha mostra que consta de 53 creacións realizadas por outros tantos pintores, despois dunha visita realizada por este grupo de artistas a Sálvora, Cíes, Cortegada e Ons o día 22 de setembro de 2013.

Riveira é o primeiro municipio en que se exhibe esta colección de cadros, tras o seu paso por Vigo e Bueu. Poderá ser visitada gratuitamente de luns a venres, de 9 a 14 e de 17 a 21 horas, e os sábados de 11 a 14 horas.

Manuel Ruiz expresou a importancia de preservar e mellorar a maior riqueza que ten este concello como son os seus recursos naturais, entre os cales Sálvora e os illotes que a rodean ocupan un lugar preferente. Así mesmo, loou o esforzo que se está a realizar dende distintas administracións para poñer en valor este contorno, co apoio de distintas entidades como é o caso de Amicos.

Próximas publicacións

José Antonio Fernández explicou numerosos detalles dos arquipélgagos que compoñen o parque, un dos quince que hai en España e o único en Galicia. Por exemplo, referiu a puxanza do sector cabalar e mular existente en Sálvora nos séculos pasados, coa maior concentración de gando das dúas especies que había de todas as illas de España. “Hai moitas cousas que os rapaces teñen que saber e entre todos imos descubrilas”, asevereu o director, quen anunciou que dentro de catro semanas será presentada unha guía arqueolóxica do parque e tamén está prevista en próximas datas unha nova publicación coa historia de Sálvora.

Entre os 53 artistas participantes na mostra está presente o veciño residente no noso concello Paco Casal, tamén asistente no acto de onte, ao igual que outros artistas locais como Maralla ou Xoán Fernández.

26 de abril de 2014 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.