45 equipos participarán no I Torneo de Fútbol Indoor Concello do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Presentación do Torneo de Fútbol Indoor do Porriño

Presentación do Torneo de Fútbol Indoor do Porriño

Chegados desde diferentes puntos da provincia de Pontevedra (Vigo, Redondela, A Cañiza, As Neves, Salceda, Pontevedra e, por suposto, tamén de Porriño) un total de 45 equipos participarán desde este xoves e ata o sábado no I Torneo de Fútbol Indoor Concello do Porriño. O evento foi presentado esta mañá na Casa Consistorial polo alcalde Nelson Santos; o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo; o xerente de deportes, Julio Bernárdez, e o representante da liga metropolitana, Alfonso Álvarez.

O polideportivo municipal de Porriño acollerá durante estas tres xornadas, desde as 09.00 horas e ata 23.00 horas, sen descanso, os partidos das diferentes categorías. En horario de mañá participarán as categorías inferiores e as seniors competirán pola tarde, a partir das 15.30 horas. Haberá 25 equipos de categorías inferiores: 8 minis, 6 prebenxamins, 6 benxamins e 5 alevíns, xogando unha única fase. Os seniors, son 16 equipos masculinos e 4 femininos, disputarán dúas fases, unha primeira de partidos de 26 minutos e outra segunda (cuartos de final, semifinais e final) de dous tempos de 20 minutos. Haberá entrega de trofeos e, a pesar de que a competición é só para os seniors, tamén se obsequiará cunha medalla  a todos os participantes.

“Serán máis de 500 deportistas de todas as idades os que nestes tres días veñan a Porriño”, sinalaba Lorenzo, quen agradecía a colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e das diferentes entidades privadas por apoiar “esta nova iniciativa do Concello de Porriño no noso obxectivo de fomentar o deporte e unha vida saudable”. Neste sentido, o concelleiro resaltou ademais a dedicación dos operarios do polideportivo que estarán a traballar estes días para que todo se desenvolva con normalidade.

O evento suporá un atractivo máis para atraer xente á vila do Louro durante esta Semana Santa, “polo que tamén se beneficiará o sector hostaleiro”, apuntaba o alcalde Nelson Santos, á vez que animaba a veciños e visitantes a achegarse a Porriño durante estes días festivos.

Ademais da faceta deportiva e festiva, o evento conta cun labor solidario ao recoller alimentos que irán destinados a SOS Porriño. Neste sentido, o rexedor local aplaudiu a iniciativa de colaborar co programa municipal de alimentos axudando así a moitas familias porriñesas que pasan por momentos difíciles. Para iso haberá un posto instalado no pavillón no cal todas as persoas participantes ou que acudan de público poden depositar a súa doazón.

14 de abril de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.