24 persoas combinaron traballo e aprendizaxe no obradoiro de emprego Tahume
O Centro Cultural Lustres Rivas foi escenario hoxe da clausura do obradoiro de emprego Tahume, un acto que contou coa participación dos alcaldes de Riveira e Porto do Son (Manuel Ruiz e Luis Oujo), da delegada territorial da Xunta de Galicia (Belén do Campo) e da xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar (Pilar Caridad).
Durante seis meses, 24 alumnos estiveron a cursar algunha das dúas especialidades convocadas nesta iniciativa mixta de traballo e aprendizaxe: operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e, en segundo lugar, carpintería e moble.
Os labores acometidos por estes alumnos incidiron no beneficio dos dous concellos, a través de actuacións como a segunda fase do novo centro social de Carreira, o inicio da ampliación da rede de pasarelas da Catía e a pavimentación de Outeiro en Porto do Son.
Tanto Ruiz como Oujo instaron aos alumnos a seguir formándose co obxecto de acadar mellores expectativas de obter un posto de traballo nestes tempos tan complicados. Así mesmo, expresaron a súa vontade de seguir colaborando en novos proxectos.
Belén do Campo informou de que en 2013 desenvolvéronse en Galicia cincuenta obradoiros, oito máis que o ano anterior. Así mesmo, manifestou que no obradoiro Tahume investíronse máis de 230.000 euros.
Riveira vén de solicitar un novo obradoiro xunto ao resto de municipios que integran Arousa Norte, en tanto que Porto do Son fixo o propio co concello veciño de Lousame.
Por último, Ruiz Rivas anunciou que o Concello de Riveira vai sacar a contratación novas prazas de traballo temporal para efectuar no verán labores de desbroce, socorrismo e outras.











