12 cartas náuticas e 19 documentos históricos reflicten en Riveira a historia dos naufraxios sucedidos en augas galegas
Dende Estaca de Bares ata a fronteira con Portugal na Guarda, máis de mil naufraxios acontecidos en augas galegas están consignados nas doce cartas náuticas que, dende o día de hoxe e como eixo central da exposición “Naufraxios. Historia e Literatura”, se exhiben na Biblioteca Municipal de Riveira.
Esta mostra está promovida pola Concellería de Educación dentro da programación do Abril Literario e estará aberta ata o vindeiro 30 de abril. O obxecto da iniciativa reside en facer partícipe da sociedade da comarca dun fenómeno enraizado na historia dos galegos e que goza por desgraza de total actualidade, tal e como exemplifican os sucesos do Santa Ana e o Mar de Marín.
Dez das cartas foron elaboradas por José López Redonda, un vello patrón fisterrán que leva dende os anos sesenta documentando minuciosamente os naufraxios acontecidos nas costas galegas, algún dos cales datan do século XVIII. As outras dúas cartas pertencen a Francisco J. Monteagudo e Luis Hermo Bretal.
A modo de complemento, tamén se amosan 19 documentos históricos procedentes do Arquivo Municipal que gardan relación con esta temática, dos cales dez pertencen ao século XIX. Así, o documento titulado “naufraxio da polacra francesa Arquitecto na praia de Area Basta” é o máis antigo entre os exhibidos, ao estar datado no 2 de setembro de 1864. Tamén se remontan a hai dous séculos outros interesantes documentos como o informe La Institución de Salvamento de Náufragos da Sociedade de Amigos del País de Santiago (1885), os boletíns da Sociedade Española de Salvamento de Náufragos Rescate da goleta Dichosa (1886), Caseta en Corrubedo de Salvamento (1886) e Embarcación de salvamento en Corrubedo (1887) ou a acta da Xunta de Socorro para a distribución dos fondos recadados ás familias dos náufragos de Corrubedo Barca Constantino e outros sinistros (1888), entre outros.
Outros documentos directamente ligados co municipio riveirense son os denominados Imposición da Medalla de Prata de Salvamento de Náufragos ao pobo de Corrubedo (1961), un oficio do Ministerio de Obras Públicas sobre o balizamento da ría de Arousa (1917), a acta da Comisión Municipal Permanente Funerais polos náufragos de Albatros (1954) ou a acta da sesión do pleno Socorro a náufragos de Riveira (1929).
Libros e películas
Máis de cincuenta libros (dende as coñecidísimas novelas As viaxes de Gulliver, Moby Dick, Robinson Crusoe ou 20.000 leguas de viaje submarino ata outros de ton máis didáctico ou histótico como Tesouros asolagados. Historia dos naufraxios no mar de Galicia de Miguel San Claudio Santa Cruz ou As sombras dos mortos. Historias de naufraxio en Cabo Corrubedo de Xosé Antonio Ventoso Mariño) integran tamén esta exposición, xunto con catro películas.
Cómpre advertir que o Arquivo Municipal custodia tamén numerosa e valiosa documentación sobre o afundimento do Santa Isabel que se reserva para ser mostrada con motivo da exposición que sobre esta traxedia se está preparando.
“Naufraxios. Historia e Literatura” pode ser visitada de luns a venres, en horario de 10 a 14 e de 17 a 21 horas.











