Uns 600 escolares de Riveira beneficiaranse dunha campaña de difusión dos servizos sociais e educación en valores
Ao longo dos meses de marzo e abril, máis de 600 alumnos de Primaria e de 3º de ESO dos distintos centros educativos de Riveira vanse ver beneficiados da campaña municipal “Nós+Outros= A diversidade enriquécenos”: unha iniciativa promovida polo Concello a través da área de Servizos Sociais co obxectivo de difundir entre a sociedade escolar o funcionamento dos Servizos Sociais e educala nos valores intrínsecos ao traballo deste departamento.
Para explicar os pormenores desta acción compareceu hoxe no Concello o edil Vicente Mariño, quen explicou que un dos aspectos en que se fixo fincapé no nacente Consello Local de Inclusión Social hai un mes foi na conveniencia de ofrecer unha maior difusión das actividades e accións que se están levando a cabo dende o departamento municipal de Servizos Sociais. É precisamente neste contexto no que se incardina o lanzamento deste programa, con independencia de que -segundo adiantou o concelleiro- proximamente se activará ao respecto unha campaña informativa de maior alcance.
Colexio Galaxia
Coñecer Riveira dende unha perspectiva sociocomunitaria, previr actitudes e comportamentos segregacionistas e dar a coñecer o papel e funcións dos Servizos Sociais son os obxectivos máis concretos dunha acción que está previsto que dea comezo este xoves día 20 no colexio Galaxia.
Ata alí se desprazará o pedagogo municipal Santi Páramo, quen, coa colaboración do profesorado do centro, desenvolverá as actividades de que consta a iniciativa. Amén dunha presentación inicial sobre o obxecto da mesma, a intención é que as sesións sexan moi participativas, de tal xeito que os alumnos podan aprender xogando a través de materiais como globos, pintura de dedos, xiz, lousas, etc.
Por exemplo, os globos servirán para representar a diversidade e cada cor simbolizará unha cultura, un sexo, unha idade ou un status socioeconómico; mentres que a pintura de dedos será utilizado para explicar conceptos como a exclusión, a separación, a integración e a inclusión.
Cada sesión durará entre 60 e 90 minutos.











