Un enorme muro de 64 metros de longo e 5 de alto constrúese na apertura da nova vía que unirá Riveira con Fafián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Construción do muro

Construción do muro

As obras de apertura dunha nova vía entre a rúa Cristobal Colón á altura do cemiterio municipal e o lugar de Fafián van a bo ritmo e, de feito, un mes e medio despois do inicio dos traballos xa se pode advertir o enorme muro de contención que foi construído ao principio do vial partindo dende a cidade.

Esta estrutura foi realizada para salvagardar o nivel entre o antigo camiño de pés que descorría pola zona de actuación e as fincas existentes nunha das beiras. O muro está feito en formigón armado e ten unha lonxitude de 64 metros e unha altura que oscila entre os 5,20 metros e os 4,50.

Os labores de execución están sendo realizados pola empresa C. Aldasa, S.L.U e comportan un investimento de 278.882 euros, cofinanciados polo Concello e a Deputación da Coruña. O prazo de execución son de 72 días.

O proxecto que se está a materializar permitirá contar cun novo tramo duns 65 metros de lonxitude entre o cemiterio municipal e a rúa Blanco Amor (Fafián), o que posibilitará dar continuidade á circulación de vehículos e solucionar así os relativamente frecuentes problemas de tráfico producidos polo feito de que os coches teñen que dar forzosamente a volta fronte ao camposanto, que se erixe así nun fondo de saco.

Dous carrís

A zona de calzada proxectada contará con dous carrís de circulación e anchura variable. O firme estará formado por unha base de zahorra artificial de 35 centímetros de espesor sobre o que se estenderá unha capa de 15 centímetros de espesor de bituminosa en quente tipo D-12. Ademais, instalaranse beirarrúas en ambos marxes cunha anchura de 1,50 metros

En canto aos servizos, colocaranse unha nova liña de abastecemento consistente nunha tubaxe de fundición dúctil de 95 metros de longo e 150 milímetros de diámetro; para o saneamento disporase unha tubaxe de PVC compacto de 118 metros de longo e 315 milímetros de diámetro; e en canto á pluviais haberá unha tubaxe de PVC corrugado de 118 metros e 315 milímetros de diámetro.

Por outra parte, dotarase á zona de cinco novos puntos de luz e unha liña de alumeado de 90 metros.

3 de marzo de 2014 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.