Un contador de células para robot de muxido faise co Concurso de Innovación de GandAgro

Entrega do premio á innovación para o contador de células para robot de muxido
O contador de células OCC Supra para robot de muxido VMS, da firma DeLaval, gañou o concurso de Innovación Tecnolóxica “GandAgro Innova”, celebrado hoxe no marco do III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, o cal se celebra ata o vindeiro sábado no recinto Feira Internacional de Galicia.
Segundo o xurado, o contador de células foi merecedor do premio por ser unha innovación “cun impacto claro, directo e inmediato no sector lácteo, baseado en parámetros de medición e non en indicadores”. Tamén porque “pode chegar a ter unha repercusión económica nas explotacións” e por estar “enriquecido con técnicas de colectividade actuais”.
O OCC Supra é un pequeno laboratorio que se pode instalar de forma opcional no robot de muxido e que proporciona ao gandeiro un reconto real de células en tan só un minuto, obtendo unha información que proporciona dous beneficios clave, controlar mellor a saúde das vacas e garantir o cobro da prima por calidade no leite.
Por outra banda, unha das dúas mencións foi para a Cisterna Agrimax Mx.2 de 14.000 litros presentada por Maxideza, a cal conta cun chasis independente que permite aproveitalo para colocar unha caixa de ensilado, unha caixa esparexedora de esterco ou unha simple caixa de carga. Foi destacada polo xurado “polo desenvolvemento de innovacións con aplicabilidade directa ao contexto galego”.
A outra das mencións foi para as tecnoloxías reprodutivas OPU e cultivo de embrións in vitro na raza Frisona, presentado por Xenética Fontao, entre cuxas vantaxes biotecnolóxicas están que pode aplicarse a becerras ou vacas nas primeiras etapas de xestación, permite a recuperación xenética en caso de mortes repentinas de exemplares con valor contrastado e caracterízase pola flexibilidade á hora de incorporar novas técnicas ou produtos biolóxicos, xa que é o xerme de novos campos de investigación.
O xurador concedeulle a mención pola “contribución tecnolóxica á mellorar da cabana gandeira, abrindo novas estratexias de desenvolvemento á gandería galega”.
No concurso GandAgro Innova participaron un total de 16 innovacións orientadas a mellorar o rural e optimizar os seus recursos. Todas elas exhíbense no certame.
Xulgadas por expertos de 6 institucións
As innovacións presentadas foron examinadas por 6 expertos pertencentes a outras tantas institucións e entidades. Así, participaron na deliberación representantes do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Facultade de Veterinaria de Lugo, Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.











