publicidade hoxe

Sergio García, preparador físico do C.D.Boiro: “Nós temos confianza en nós mesmos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportes
A-
A+

Comecemos a falar da función xeral do preparador físico… Qué é e qué posto ocupa dentro do equipo un preparador físico?

Un preparador físico é unha persoa que axuda ó adestrador principal, fundamentalmente. Un preparador físico é un profesional con formación universitaria específica que ten que ter ós xogadores dentro duns parámetros óptimos para o desenvolvemento das súas capacidades, non só baseado na fisioloxía, si non tamén en aspectos futboísticos. O meu punto de vista particular é sinxelo, o meu traballo ten que servir para dúas cousas: a primeira, que os xogadores non se lesionen, e segunda, que os xogadores nos minutos finais dos partidos, cando a fatiga é inevitable en certo modo poidan pensar e decidir nas mellores condicións, que a fatiga periférica non afecte a aspectos centrais. É sinxelo, un preparador físico ten que coñecer as demandas da competición, e en función de tales demandas ter ós xogadores listos coa máxima especificidade para soportar as cargas e circunstancias do xogo para que non aparezan lesións, si ti adestras unha cousa e compites a outra, o organismo non está listo e non tolera esa esixencia e remata rompendo, é dicir, lesión. E por outro lado, eu non penso que un xogador que eu adestro vaia gañar un partido por correr máis que un rival no minuto 90, pero igual sí o gaña pensando mellor e decidindo mellor, si aínda por riba o sistema neuromuscular responde e executa ben, teremos moita ventaxa. Un exemplo, gañamos partidos nos últimos minutos a balón parado, é trascendente?? Para min sí, o xogador que golpea ese balón ten que estar ben para golpealo, e os que fan os movementos para rematar e o que remata ten que estar ben para saltar no momento oportuno, coordinar a acción, etc. A xente valora eso?, creo que non, pero hai que ter claro que a preparación física non afecta so ós músculos ou ós pulmóns e corazón falando rápido… Si non hai fatiga periférica (muscular entendamos) a fatiga central é raro que sea un factor limitante (sistema nervioso central entendamos). Por iso a día de hoxe, un preparador físico ocupa un posto moi importante sempre e cando pense en fútbol, entenda o que quere o adestrador, coñeza ben as necesidades do grupo humano que ten (xogadores) e faga unha xestión adecuada de todo eso que, ás veces, é difícil ou imposible de controlar. Pero supoño que é parte do marabilloso que é todo isto.

É importante que o preparador esté coordinado e en permanente contacto co adestrador?

Importante non, fundamental, non o concibo doutro xeito. Un preparador físico, na miña forma de velo, ten que estar en sintonía co adestrador, que é o que toma as decisións máis importantes de cara a competición. De feito, eu non podo traballar igual con todos os adestradores, xa que non todos pensan igual e non todos queren xogar igual, así que un preparador físico ten que ter ós xogadores nun estado óptimo para rendir no sistema e no xeito de xogar que decida o adestrador. Por eso digo que un preparador físico é un axudante, unha persona con formación específica que non ten que ter a 20 xogadores preparados para correr unha maratón ou correr os 100 m. o máis rápido posible, ten que ter os xogadores preparados para rendir como futbolistas de acordo ás ideas e conceptos do adestrador.

Cómo se chega a ser preparador físico?

Fácil. Estudiando Ciencias do Deporte e a Educación Fïsica, antigamente coa Maestría en Fútbol, que hai uns anos, co plan Bolonia desapareceu. Agora mesmo non sei exactamente cómo está o tema legal, pero en todo caso antes había que ser licenciado en Educación Física con Maestría en Fútbol, que é o meu caso. Estudiei no INEF de Bastiagueiro e, obviamente, por intereses e procedencia, o fútbol foi parte importante da mia vida, cheguei a ser preparador físico. Ademáis moi novo dinme conta que como futbolista non chegaría moi lonxe, así que si quería seguir vinculado ó fútbol a certo nivel tería que buscar alternativas e a da formación foi a mellor que atopei.

Afondando xa no Club Deportivo Boiro e sabendo que esta é a túa primeira tempada no Clube… Como foi a túa chegada? Cal é o obxetivo do Boiro esta tempada?

A miña chegada foi a través do míster, de Gelucho. Coñecémonos hai tempo, pero non tiñamos unha relación moi estreita. El precisaba un preparador físico para a nova temporada, para o reto da Terceira co clube, e na súa busca, a través de amigos comúns xordeu o meu nome, falamos, e aquí estamos. Fun unha aposta de Gelucho tras un tempo fora dos campos no día a día. En canto á segunda cuestión agora é evidente, hai uns meses diría outro sendo sensato, pero a estas alturas, o obxectivo ten que ser xogar o play off de ascenso e disfrutalo ó máximo, tanto a nivel deportivo como humano, como experiencia para este grupo. Ser campión é unha opción que está ahí, pero persoalmente, non diría que é un obxectivo, meterse nos catro de play off, por suposto que sí. Sabendo, que eu son o primeiro que quere ser campeón…

Falemos do traballo diario e a preparación das sesións. Varías os exercicios en función do rival co cal o equipo se enfronte na seguinte xornada?

Fundamentalmente non, pero en momento puntuais sí. Recordo o partido do Dorneda alá, por exemplo, pero non polo rival, si non polo campo, xa que as demandas do xogo posiblemente foran diferentes, e tampouco por un tema físico, xa que nunha semana, pensando como preparador físico únicamente non acadaría adaptacións para que o futbolista chegara nun estado de forma ou outro si catro ou cinco días cambiamos algo. Ademáis a cuestión é clara, nós queremos xogar dun xeito, temos xogadores para facelo, o mister teno claro, e traballamos para que, dentro desas ideas, os xogadores estén no mellor estado posible para, ademáis de non lesionarse e competir ben os 90 minutos, respondan óptimamente ás demandas de ese xogo, máis alá do rival que teñamos en frente. O traballo físico como tal, como se entende literalmente permite cambiar poucas cousas dunha semana para outra, non hai marxe de cambiar as adaptacións nuns días.

Como é o traballo diario no Boiro? Os xogadores acadan o resultado que ti buscas?

O traballo no Boiro é bo. Teño unha gran relación co míster a nivel profesional e persoal, confiamos un no outro plenamente e o traballo está plantexado dun xeito consensuado. Por outro lado, cando cheguei solicitei unha serie de recursos materiais para traballar e facilitaronseme, así que non teño queixa, podo desenvolver a miña labor cos medios que pedín e de acordo ás ideas do mister, que son semellantes ás miñas, así que, o traballo no clube é positivo. Eu non teño problema en dicir as cousas que se poden mellorar e nese senso, na miña área non teño nada que sinalar. Os xogadores sí están dando un bo rendimento, sinxelamente porque prácticamente non houbo lesións musculares, as traumáticas forman parte do fútbol e son inevitables e incontrolables, e aínda así, houbo moi poucas, tivemos sorte nese aspecto, de feito, para estar ben e estar arriba, hai que contar tamén con ese factor a favor. Que quero dicir co anterior, que si os xogadores non se resinten das esixencias da competición é porque están ben adaptados ás demandas do xogo, ás demandas que nós entendemos que teñen que soportar, e si as soportan é que o traballo é o correcto, sendo conscientes que cada xogador é diferente xenéticamente, cognitivamente, etc. pero podo afirmar que o compromiso dos rapaces está fora de toda dúbida, ahí están os resultados, non só deportivos.

Estás contento co traballo que están a facer os xogadores nos partidos? Crees que hai marxe de mellora?

Estou satisfeito sí, cando se vai deportivamente ben non podo sinalar outra cousa. Non me gusta, nin podo, separar a parcela física da técnica ou da táctica, o fútbol é unha unidade de aspectos, e por iso claro que digo que hai marxe de mellora, somos un grupo que levamos pouco xuntos, hai xente moi válida neste proxecto e, con traballo e tempo, hai marxe de mellora por suposto. Pero é unha mellora que temos que lograla traballando con tranquilidade e de modo global, xa digo que non vamos a mellorar máis si corremos máis que o rival, melloraremos si corremos mellor que o rival, e para facelo non é unha cuestión de preparación física, é unha cuestión de traballo integral e precísase tempo.

Polo que vemos tamén adestras ós porteiros… Mackay é un cancerbeiro de categoría superior, pero Pazos tamén se está a esforzar. Como valoras o traballo diario con eles?

Pois é un luxo, temos dous grandísimos porteiros, eu creo que a mellor portería de Terceira, de feito é unha portería doutra categoría. O que a xente non sabe é que teñen entre eles unha relación inmellorable, traballan xuntos man a man con total naturalidad aínda que estén competindo, alégranse do bo traballo do compañeiro, axúdanse falando das accións do día a día, aconséllanse mutuamente, etc. Con dous porteiros do seu nivel e traxectoria, e ca relación que teñen, eu xa pouco teño que facer. Estou moi satisfeito co seu traballo, ademáis é como eu máis disfruto, adestrar porteiros é o que máis me gusta e motiva e con xente coma eles, pois fenomenal.

As lesións non foron un quebradeiro de cabeza no que vai de tempada, iso é tamén grazas ós exercicios que se fan diariamente?

Por suposto. Pero non son exercicios en sí, non somos un clube profesional que teña os mellores medios para facer un traballo preventivo ó uso. o que facemos, ou o que plantexo eu persoalmente, é adestrar coa máxima especificidade, de xeito que os sistemas orgánicos que interveñen na esixencia competitiva estén perfectamente preparados e adaptados para que non apareza un estímulo descoñecido que poda ser un axente lesivo, así de sinxelo. Si adestras unha cousa e despois o corpo ten que tolerar outra, acabara por queixarse en forma de lesión.

Por último, un desexo para esta tempada.

Que acabe ben, sin lesións para os rapaces e que o pobo de Boiro e a comarca do Barbanza estén orgullosos dos logros deportivos do clube, que a ilusión por medrar esté ahí presente, e que a propia competición nos leve a onde merezamos obxectivamente, que ninguén nos quite nin nos regale nada. Nós temos confianza en nós mesmos e agora mesmo non poñemos teito ó noso traballo.

17 de marzo de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.