Ruz Rivas viaxa a Nwark para representar a Riveira en dous actos oficiais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaRiveira
A-
A+

O alcalde de Riveira foi requirido pola Secretaría Xeral de Inmigración e Emigración do Goberno do Estado para acompañar ao seu Director Xeral de Migracións, Aurelio Miras Portugal, nunha visita institucional á cidade norteamericana de Newark (estado de New Jersey) co gallo da celebración a finais desta semana de dous actos oficiais nesta localidade: por unha parte, a conmemoración do 50º aniversario do Club España e, por outra, a entrega da medalla á emigración que na súa categoría de ouro vai recibir o Centro Ourensano.

O escrito no que se insta ao alcalde a acudir a estes actos en representación de Riveira fai constancia expresa da “importancia que desde el punto de vista humano y cultural” ten en Newark o pobo de Riveira. Neste senso, cómpre lembrar os fortes vínculos existentes entre ambas cidades, enraizados no fenómeno da emigración e que propiciaron –hai que recordar- o irmanamento dos dous territorios o día 16 de xuño de 1994. No caso do acto previsto para o Club España, o alcalde tributará tamén a este centro a través da entrega do obsequio institucional do Concello consistente nunha réplica en cerámica do faro de Corrubedo.

Aproveitando a viaxe, Manuel Ruiz ten previsto participar tamén na presentación do libro de gran formato sobre a traxectoria de Manuel Ayaso que, dentro da súa selecta colección “Grandes Pintores”, ten editado a Deputación da Coruña. Este acto, que contará coa asistencia do propio artista nacido en Aguiño e formado nos Estados Unidos, terá lugar previsiblemente na veciña cidade de Nova York.

Visitas a outros centros galegos

O rexedor municipal aproveitará tamén a súa estancia para manter contacto con veciños riveirenses na emigración –caso do concelleiro na cidade de Harrison Anselmo Millán- e visitar outros centros galegos do contorno, como a Casa de Galicia en Nova York ou o Club Bayonne.

25 de marzo de 2014 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.