Riveira será o punto de arranque da exposición sobre os escritores de Arousa e Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O municipio de Riveira vai acoller a partir da vindeira semana a exposición Guía Literaria da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla: unha iniciativa cultural promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla na que se poden atopar os nomes de ata 43 ilustres autores nados ou vinculados ás terras polas que descorre a translatio.

Deste xeito, a cidade barbanzana vaise erixir en punto de arranque da itinerancia da exposición entre os concellos que forman esta ruta, despois de que no pasado decembro fose presentada no pazo de Fonseca en Santiago de Compostela.

O acto inaugural vai ter lugar o citado martes ás 20.30 horas e contará coa presenza do alcalde Manuel Ruiz e do presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agostino.

Plumas como as do xornalistas riveirense Manuel Lustres Rivas ou as de outras personalidades ligadas á comarca como Valle-Inclán, Manuel Antonio, Castelao ou Ramón Martínez López vense reflectidas  nesta exposición, xunto a outros autores egrexios como Camilo José Cela, Julio Camba, Rosalía de Castro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros.

Guía impresa

A mostra leva asociada ademais unha guía impresa para que cidadáns e visitantes poidan aproximarse ao primeiro dos Camiños de Santiago dende a perspectiva da súa riqueza cultural e literaria. Cabe lembrar que esta guía fora presentada na pasada primavera nas instalacións de Congalsa na Pobra.

21 de marzo de 2014 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.