Proposta dramático-poético-musical no Auditorio de Riviera para conmemorar os días mundiais da Poesía e o Teatro
O Concello de Riveira a través da Concellería de Cultura e Festexos vén de organizar unha actividade co fin de conmemorar conxuntamente a celebración dos días internacionais da Poesía e o Teatro, que se celebran os días 21 e o 27 de marzo respectivamente.
Esta actividade terá lugar o vindeiro venres 28 de marzo, ás 21:30 h no Auditorio de Riveira. A compañía Viriscrón escenificará a obra “Sobre o Desamor e Outras Mariconadas” co coñecido actor Ricardo de Barreiro e o músico Guillerme Fernández, compoñente do grupo Berrogüetto.
Trátase dunha viaxe chea de tobogáns vertixinosos con caídas libres e voos acrobáticos para describir unha experiencia tan sinuosa coma marabillosa: o Amor-Desamor. Unha proposta dramático-poético-musical para cicatrizar as feridas do mundo que nos toca vivir, para polinizarnos emocionalmente os uns cos outros e sentirnos máis comprendidos, máis fortes… Non é un recital…, non é teatro…, non é concerto…, pero ten aromas das tres propostas… Simplemente é un xoguete…
Coma sempre, as entradas poderanse recoller media hora antes da función no Auditorio Municipal











