publicidade hoxe

Pontecesures adapta a ordenanza do Servizo de Axuda no Fogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesures
A-
A+

O Concello de Pontecesures ven de aprobar unha modificación da ordenanza que regula o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar, con fin de adaptala ás modificación normativas impostas pola Xunta de Galicia. A xustificación destes cambios ven dada pola obriga, marcada pola lexislación galega, de adaptar a norma municipal antes de que remate o mes para poder manter a prestación deste Servizo público básico que ten por obxectivo facilitar a permanencia nos seus fogares a aquelas persoas que sen este apoio .

A non adaptación suporía a inaccesibilidade ás subvencións, que son a principal fonte de financiamento dos servizos sociais municipais, ademais da perda da autorización administrativa como Entidade Prestadora deste servizo. De feito, no pasado exercicio, o gasto total destinado ao SAF foi de 39.906.63 euros, dos que a Xunta aportou 18.262.29 euros e a Deputación, 14.160 euros.

A ordenanza reguladora do SAF recolle protocolos de actuación para diversos supostos e anexos nos que aparecen os básicos como solicitude do SAF, proxecto de intervención, modelo de acordo e outros moitos co fin de que sempre quede constancia dos cambios propostos polas persoas beneficiarias, así como das respostas a eses cambios a través dos correspondentes informes municipais.

No caso da actualización da ordenanza fiscal reguladora do servizo de axuda no fogar de Pontecesures, esta ten como obxecto, baseándonos na normativa vixente, establecer a taxa pola prestación do servizo. A concellería de Servizos Sociais informou ao pleno que “os decretos 149/2013 e 99/2012 que establecen  a participación no financiamento do servizo destinado ás persoas dependentes valoradas e ás persoas usuarias da modalidade de libre concorrencia, deixando aos Concellos sen practicamente capacidade para establecer unha regulación progresiva de participación no custe do servizo axustada á realidade socioeconómica do noso concello. A pouca marxe  que queda á autonomía local  empregouse ao  presentar un maior número de intervalos na capacidade económica das persoas usuarias do servizo en libre concorrencia e, polo tanto, máis tramos de porcentaxe na participación no custe do SAF que se recollen no mínimo que fixa a normativa da Xunta (podería presentarse en 4 intervalos e recadar o máximo para as arcas municipais, pero desagregouse en 8 aplicando as porcentaxes mínimas que fixa a normativa), cumprindo co principio de equidade. Así, na medida do posible, trataremos de evitar cargas excesivas coa clara finalidade de favorecer ao máximo posible a todas as persoas usuarias do servizo e, polo tanto, a aquelas que presentan as rendas máis baixas”.

O equipo de goberno considerou que “a normativa da Xunta xa resulta excesivamente gravosa para as persoas usuarias deste servizo público básico, mesmo abusiva no caso das persoas que accedan ao SAF na modalidade de Dependencia, que terán que pagar en función da súa capacidade económica e non do custe hora do servizo. Tamén considerou oportuno “non modificar o prezo deste servizo con afán recadador senón exclusivamente para o mantemento do mesmo e favorecer así a todas as veciñas e a todos os veciños de Pontecesures. O custe hora de referencia pasa dos 6€ -vixentes desde 2001- a 8,89€ que se irán actualizando anualmente consonte ao IPC. Non debemos esquecer que o servizo a parte do copagamento das persoas usuarias, ten outras fontes de financiamento, provenientes doutas administracións a través das correspondentes solicitudes realizadas para o efecto en tempo e forma.

 

17 de marzo de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.