Panorama presenta a súa nova xira “Space Tour 2014” na Feira Internacional de Galicia

Actuación da Panorama no Closing Tour 2013
A orquestra Panorama presentará mañá no pavillón 1 do recinto Feira Internacional de Galicia a súa xira para este ano, a Space Tour 2014. Será nun evento que comezará as 22.00 horas e se prolongará durante máis de 6 horas sen interrupción.
Esta cita musical, cuxa entrada será gratuíta, iniciarase coa actuación do Grupo Triunfo, o cal acompañará a Panorama nesta presentación da súa nova tempada. A continuación será a quenda do conxunto protagonista, que descubrirá a todos os asistentes as novidades do seu espectáculo, dende o escenario ata novos compoñentes, posta en escena e repertorio.
Por outra banda, segundo indicou Lito Garrido, voz principal da orquestra, na presentación do evento o pasado 14 de febreiro, o público asistente poderá coñecer datas de gran interese dentro da súa actividades, como o lugar e hora da “Gala contra o Cancro” que leva a cabo todos os anos a agrupación ou a data de lanzamento dun proxecto discográfico.
Ademais da entrada gratuíta, o acceso tamén será libre aos aparcadoiros exteriores do recinto, tendo un prezo de 2€ os interiores. Para facilitar a entrada, as portas abriranse ás 21:00 horas.
Este evento enmárcase nun convenio subscrito pola Fundación Semana Verde de Galicia e a orquestra Panorama polo cal esta última comezará e rematará as súas xiras no recinto feiral durante 4 anos. No caso do seu peche de tempada será no festival de orquestras Closing Tour.
Excelentes condicións para espectáculos
A elección do pavillón 1 da Feira Internacional de Galicia para este evento pon de manifesto as súas magníficas condicións para acoller espectáculos, tanto musicais como doutro tipo. Boa acústica, grandes dimensións e altura, climatización e locais anexos para servizos complementarios son as súas principais virtudes, moitas das cales xa foron destacadas polas agrupacións musicais participantes no festival de orquestras Closing Tour, ás que se sumou Lito Garrido no acto de presentación da Space Tour 2014 subliñando que “hai poucos sitios que ofrezan as súas posibilidades”.











