Os escolares do Porriño coñecen o día a día dos diferentes departamentos do Concello
Desde o salón de plenos até as dependencias da Policía Local, estudantes de Porriño de cuarto, quinto e sexto de Educación Primaria e de primeiro e segundo da ESO participan ao longo desta semana de visitas guiadas á Casa Consistorial organizadas pola Concellaría de Educación que dirixe Ana Martínez.
O luns foi a quenda dun centenar de alumnos dos colexios Budiño e Atios, onte martes acudiron outro grupo do CEIP Antonio Palacios e do CPI Ribeira e hoxe mércores tócalles aos do Santo Tomás. Trátase de que os máis novos teñan a oportunidade de saber como é o día a día da institución municipal visitando os diferentes departamentos e coñecendo o traballo desenvolvido e os servizos prestados ao cidadán, á vez que se responde a todas as súas dúbidas e consultas. Desta maneira, cada concelleiro encárgase de guiar a visita na área na que é responsable.
Os estudantes son recibidos no salón de plenos onde se lles explica a utilidade da sala, dividíndoos a continuación en pequenos grupos para ir percorrendo por orde as diferentes dependencias municipais. Así, en Urbanismo o concelleiro Marcelino Coto os guía e explícalles dunha maneira didáctica o traballo desempeñado polos técnicos neste departamento. En Servizos Sociais son recibidos pola edil Teresa Veloso que lles indica igualmente o labor levado a cabo polo persoal alí presente. O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, José Manuel Jacobo, é o encargado de levalos ás dependencias da Policía Local, onde teñen a oportunidade de ver o parque móbil e mesmo os calabozos, que é unha das cousas máis rechamantes para os nenos. Finalmente, visitan as oficinas centrais e a Alcaldía, onde son recibidos polo alcalde Nelson Santos, charlan con el distendidamente e poden saír ao balcón.
As visitas continuarán mañá xoves con alumnado dos colexios Irmáns Quiroga e Fernández López e o venres acudirá un grupo de estudantes de secundaria do IES Piñeiro Manso. De cada centro participan uns 50 alumnos con dous ou tres profesores.











