Os 128 mellores triatletas galegos mediranse no campionato ‘Nada e corre’ en Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaRiveira
A-
A+

Un total de 128 deportistas de categorías base daranse cita este domingo 9 de marzo no complexo da Fieiteira na proba final do Campionato Nada e Corre.

Trátase dunha competición que combina natación e carreira a pé que está promovida pola Xunta a través de Deporte Galego e a Federación Galega de Triatlón. Para falar dos seus pormenores interviñeron o presidente do Club Natación Riveira, José Antonio Prada, e o concelleiro de Deportes, Juan Luis Martínez.

A proba disputarase a partir das 10.30 horas e contará coa participación de 16 deportistas por proba nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto en modalidade masculina como feminina. Entre eles comparecen cinco deportistas do Club Natación Riveira.

José Antonio Prada destacou que Riveira vai reunir ao máis selecto que hai hoxe en día no que á canteira galega no mundo do triatlón se refire, xa que os deportistas que se medirán este domingo na pista de atletismo e na piscina da Fieiteira tiveron que pasar outras clasificacións previas. Pola súa parte, Juan Luis Martínez quixo animar á veciñanza a presenciar esta bonita cita.

7 de marzo de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.