O Triángulo de Emprego do Porriño incide na capacidade de xestión e polivalencia para o emprego no sector da hostalaría
A importancia do esforzo e do traballo para cumprir os obxectivos laborais foi un dos temas tratados na xornada do Triángulo de Emprego celebrada esta mañá no Multicentro de Torneiros. Así, María José Agrafojo, do departamento de Mercadotecnia do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, púxolles de exemplo a súa propia traxectoria e experiencia profesional que comezou facendo prácticas nunha lavandaría a ser directora de hotel, traballando antes de camareira, cociñeira e recepcionista, e agora rexentar a súa propia empresa. Con isto, Agrafojo trasladou ás decenas de persoas asistentes á súa conferencia, moitas delas usuarias de Porremprego que realizaron xa cursos de hostalaría a través do Concello, que “no sector non conta só a parte operativa (cociña e sala) senón, sobre todo, a xestión e a capacidade de ser polivalente, que é o que hoxe valoran as empresas”. Neste sentido, orientou a súa exposición tamén á figura do emprendedor, “o cal debe ter ideas, creatividade, ilusión, esforzo e, ante todo, formación”, facendo especial fincapé no manexo de idiomas. Agrafojo estará de novo presente no Triángulo de Emprego en maio, o mes dedicado ao autoemprego.
Con 20 anos de funcionamento, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia é un referente non só a nivel nacional e europeo, senón mesmo mundial. “Contamos cunha bolsa de traballo de, aproximadamente, 1.500 ofertas ao ano”, aseguraba a relatora, polo que a inserción laboral das persoas formadas no centro é moi alta, “máis aínda en cociña, para a cal hai máis ofertas que demandas, chegando moitas ás veces a non poder atender a todos os postos ofertados”, subliñaba. O centro imparte dúas titulacións, unha de catro anos de xestión hoteleira e outra de dous anos de cociña, para a primeira ofértanse 120 prazas e para a segunda 25. “A metodoloxía de estudo combina unha semana de práctica e outra de teoría, o que facilita a aprendizaxe e a correcta aplicación práctica dos contidos teóricos; ademais, durante o verán realízanse prácticas en empresas do sector non só en toda Europa, senón tamén en América, África e Asia, polo que cando o alumno finaliza a titulación xa conta cunha importante experiencia laboral”. Agrafojo concluíu a súa exposición cunha mensaxe de ánimo “non deixes que ninguén che diga que non es bo” e a recomendación “home sen sorriso non abre tenda”.
O interese mostrado polos asistentes foi elevado dado as preguntas e dúbidas formuladas ao finalizar o relatorio. Gran parte deles con formación xa no sector e coa idea de complementala e outros que viron na hostalaría unha saída laboral real á situación de desemprego. Por iso, desde a Concellaría de Emprego e Formación que dirixe M. Alejandro Lorenzo informan de que, proximamente, organizarase unha visita guiada a este centro para coñecer máis pormenorizadamente o día a día nestas instalacións líderes en formación hostaleira en España. Para acceder a cursar estas titulacións débese estar en posesión do Bacharelato e a selectividade aprobada ou dun Ciclo Superior, ademais realizaráselle unha proba de acceso ao alumno que abarca coñecementos de inglés e de cálculo, un psicotécnico e unha entrevista persoal. A día de hoxe, o centro conta con alumnado de entre 18 e até máis de 40 anos, pois a idade non é un límite.
Formación complementaria e homologación de soldadores
As demais relatorios celebrados esta mañá centráronse, no seu maior parte, na formación complementaria. Francisco Barcia, de Deica IT, falou das novas alternativas de desenvolvemento profesional; Alba da Torre, de Norformación, explicou a formación como a clave para mellorar e adquirir habilidades, competencia e oportunidades; Salvador Alba, de Estudos Alfa Enxeñaría de Proxectos, centrou o seu relatorio nos carnés e certificados de profesionalidade; Miguel Olivier, de Eonsi Industrial Development, presentou á empresa que dirixe como primeiro centro certificado de España en Haas Technical Education Center (HTEC) comentando os diferentes cursos que imparten: programación CNC, programación asistida por CAM Mastercam e Powermill, deseño con ferramentas 3D e SolidWork; Fernando Clemente, de Formega, falou da formación para o emprego no sector metalúrxico galego e, por último, Carmen Pérez e Javier Pérez, de Formavigo, deron a coñecer o proceso de homologación de soldadores.
Próxima xornada, martes 25
A próxima das xornadas do Triángulo de Emprego será pasado o martes, día 25 de marzo. Desde as 09.30 e até as 14.00 horas trataranse temas relacionados coa formación.
Nesta ocasión a xornada estará composta por nove relatorios dirixidos por representantes de: Gadepro Formación e Consultorías, Educa-Training, Escola de Formación Profesional Sanitex, Escola Universitaria de Enfermaría, Aula Mentor de Vigo, Grupo Femxa, AIMEN, Fundación Laboral da Construción e Mugatra.











