O Porriño contará cun punto de asesoramento empresarial en novas tecnoloxías
O Concello de Porriño albergará a partir de mañá un novo servizo dirixido ás empresas e que complementa a todos os xa ofrecidos a través de Porremprego. Trátase dun punto de asesoramento empresarial en materia de novas tecnoloxías situado no Multicentro de Torneiros e que atenderá a todas as microempresas e autónomos do municipio e das comarcas de Vigo e de Baixo Miño.
O acto de inauguración do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial 2.0 (CPAE 2.0), posto en marcha pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello, e ao cal están todos convidados todos os empresarios da zona, será mañá sábado ás 12.30 horas no Multicentro de Torneiros e contará coa presenza do alcalde Nelson Santos, o concelleiro de Emprego e Formaicón, M. Alejandro Lorenzo e a deputada provincial Marta Igrexas.
O CPAE 2.0 é unha rede de puntos nas diferentes comarcas da provincia de Pontevedra (actualmente son seis oficinas), onde se prestará un servizo de información, análise e asesoramento presencial e personalizado en relación ás tecnoloxías da información e comunicación aos autónomos e microempresas, tales como tutorización na incorporación das Novas Tecnoloxías, capacitación tecnolóxica, demostración de produtos e solución TIC, acompañamento para o uso do comercio electrónico e procura de axudas e subvencións no ámbito tecnolóxico.











