O Porriño conmemora o Día Mundial Forestal coa plantación de árbores nos montes de Chenlo
Un grupo de 100 escolares de Porriño do CPI de Ribeira e do CEIP Antonio Palacios participaron esta mañá na plantación de bidueiros e castiñeiros nos montes de Chenlo para conmemorar o Día Mundial Forestal, máis coñecido como o Día da Árbore, que se celebrou a pasada semana, o día 21 de marzo, coa entrada da primavera. O concelleiro e alcalde pedáneo da Entidade Local Menor de Chenlo, M. Alejandro Lorenzo; o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois e Enrique Martínez, xefe do Servizo de Montes, quixeron acompañar esta mañá a estes estudantes de cuarto e quinto de Educación Primaria, xunto ao profesorado do centro.
A actividade, organizada desde a ELM de Chenlo en colaboración co Concello e a Xunta, desenvólvese co obxectivo de promover a concienciación social sobre a importancia ambiental e económica do sector forestal na nosa comunidade. Unha brigada do servizo de Montes formada por técnicos forestais foi a encargada de realizar unha explicación aos alumnos sobre a plantación destas especies.
Desde o Goberno local, o alcalde Nelson Santos destaca a importancia desta actividade para reflexionar sobre os bosques, a súa utilidade, o seu coidado e tamén sobre o perigo que para eles representa o lume. Precisamente, os escolares recibiron ademais unha demostración dos procedementos e ferramentas que se empregan nos incendios para o que se lles ensinou in situ un camión motobomba.
A plantación dun centenar de bidueiros e castiñeiros, que se realizou na contorna do campo de fútbol de Chenlo, tivo como finalidade implicar ao conxunto da poboación, en especial aos máis novos, na concienciación do coidado do medio ambiente, a conservación da natureza e a educación para a sustentabilidade.











