O pleno de Riveira abordará propoñer que Manuel Ayaso sexa distinguido coa medalla Castelao

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

Un dos puntos que se van a someter á consideración da Corporación no pleno ordinario do vindeiro luns será a solicitude á Xunta de Galicia da concesión da prestixiosa Medalla Castelao ao artista Manuel Ayaso, ademais de solicitar que a Comisión   Institucional do Concello aborde o estudo doutras posibles distincións que a nivel municipal se lle puidesen outorgar, entre elas a de Fillo Predilecto de Riveira.

A inclusión na orde do día destas peticións está avalada polo interese de distintas institucións do municipio (Liceo Marítimo, Fundación Museo de Artes, Ateneo Valle-Inclán, Asociación Francisco Lorenzo Mariño, Confraría de Pescadores de Riveira), ademais de cidadáns a título individual como Ciprián Rivas, ante o “renome internacional” de Manuel Ayaso, “galego e universal”, cuxa obra ,“de gran forza e orixinalidade”, “está estendida por América, Canadá, Australia ou Xapón”, segundo se recolle literalmente en distintos escritos presentados.

Nestes documentos tamén se resalta a inspiración que a súa terra de orixe (Ayaso naceu en Aguiño en 1934 e emigrou de neno aos Estados Unidos) exerceu sempre sobre as súas creacións: “A illa de Sálvora, Couso, O Vilar, As Dunas de Corrubedo, os faros que alumean cara o infindo, afogados, curas, meigas e sereas” son todas elas fontes de inspiración deste home “xeneroso e bo, ancián e sabio”.

A Medalla Castelao é unha das máis importantes condecoracións de carácter civil que existen en Galicia e, outorgada pola Xunta, distingue a traxectoria artística, literaria, cultural, económica e intelectual dos máis relevantes persoeiros da nosa comunidade.

Creada no ano 1984, dende entón foron obsequiados con esta insignia máis de 200 personalidades, entre as que se contan destacados intelectuais como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego ou Ricardo Carvalho Calero; escritores como Camilio José Cela, Xosé Neira Vilas ou Gonzalo Torrente Ballester; actores como Fernando Rey ou María Casares, xornalistas como Fernando Ónega ou Borobó; pintores como Laxeiro ou músicos como Luz Casal, Amancio Prada e Carlos Núñez, entre moitos outros.

Dobre presentación en EE.UU.

Cómpre salientar que, xusto na véspera do tratamento polo pleno desta cuestión, Manuel Ayaso vai protagonizar a presentación nos Estados Unidos do libro ilustrado que, sobre a súa obra, editou a Deputación Provincial a finais de 2012: un volume de gran formato que fora dado a coñecer por primeira vez nas instalacións que hoxe ocupan o Centro Cultural Lustres Rivas.

E esta presentación ao outro lado do océano terá lugar por partida dobre: o domingo ás doce do mediodía (hora local) no Club de España de Newark (New Jersey) e o mesmo día ás sete da tarde na Casa de Galicia en Nova York. Acompañarao nambos actos o alcalde e deputado provincial Manuel Ruiz, aproveitando a súa estancia no país norteamericano para representar a Riveira en dous actos oficiais a requirimento da Secretaría Xeral de Inmigración e Emigración.

28 de marzo de 2014 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.