O Concello de Riveira activa un plan para solucionar o deterioro do pavimento en rúas peonís
O Concello anuncia a próxima execución con cargo aos orzamentos deste ano dunha ambiciosa actuación coa que se pretende ofrecer unha solución definitiva ao recorrente problema das roturas de lousas en espazos peonís da cidade. Con tal obxecto, técnicos municipais elaboraron un proxecto que, cunha inversión aproximada de 240.000 euros, entraña por unha parte a reposición do pavimento nas rúas Galicia e Santa Uxía e na praza de Compostela e, por outra, a activación dun novo sistema de control de acceso a vehículos.
Polo que se refire ao primeiro dos aspectos referidos, cómpre dicir en primeiro lugar que a rúa de Galicia, no tramo que comprende entre a rúa Rosalía de Castro e o mercado, rexistra actualmente un alto nivel de deterioro, con lousas rotas ou mal colocadas. Este feito débese principalmente a que o tránsito de vehículos adoita estar incontrolado, posto que os bolardos automáticos que limitan o seu acceso están avariados continuamente, ao igual que acontece noutros puntos da cidade.
Lousa de granito por adoquín de granito
Co fin de paliar esta situación, o proxecto redactado contempla para este tramo a substitución do pavimento do carril central (que é o máis deteriorado e que está formado por lousas de granito), polo máis resistente adoquín de granito recto, con dimensións de 20x10x8 centímetros. Será necesario demoler previamente o pavimento actual e o morteiro que suxeita as lousas. Ademais, o tramo será limpado con máquina de chorro de auga a presión.
En canto á rúa de Galicia, no tramo comprendido entre as prazas da Igrexa e Compostela (de construción máis recente que o antedito), acometeranse labores de reposición do pavimento consistentes en substituír ou recolocar de maneira adecuada as lousas de granito que estean rotas, deterioradas ou mal dispostas. Tamén serán cambiadas as pezas rotas ou mal colocadas que forman a rígola de pedra por onde circula o se procederá á limpeza da rúa con auga a presión.
De igual xeito, serán suplantadas por outras novas as lousas rotas ou mal colocadas de Santa Uxía e limpada toda a rúa, incluíndo as leitadas.
Por último, no que se refire á praza de Compostela, substituirase na súa integridade o actual pavimento formado por lousas de granito (moi deteriorado, con múltiples pezas rotas ou mal asentadas) por outro novo, con lousas de granito de dimensións 60x40x4 centímetros. Para tal fin, previamente se demolerá o pavimento e morteiro actual e se colocará unha nova base formada por formigón en masa, malla de aceiro e morteiro de cemento.
Control dende a Policía Local
Unha vez concluídas as obras de reposición ou, dependendo dos casos, en paralelo á execución das mesmas, implantarase un novo sistema de control a vehículos que será controlado pola Policía Local. Con esta acción pretendese lograr un acceso restrinxido, evitando a entrada de vehículos non autorizados para loitar contra o rápido deterioro dos pavimentos e acadando consecuentemente un notable aforro económico para as arcas municipais.
Este sistema de control consistirá na instalación nos puntos de acceso de semáforos e cámaras de alta resolución que, situadas en puntos estratéxicos, controlarán mediante lectura de matrículas todos os vehículos que acceden ou circulan por estas rúas. O sistema estará informatizado e permanentemente conectado a visores instalados nas dependencias da Policía Local.
O prazo de actuación desta actuación ascende a catro meses.











