O Concello de Riveira abre un novo vial nas inmediacións da igrexa parroquial de Artes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa de que operarios da empresa Canarga, S.L., están procedendo á apertura dunha nova vía no lugar de Outeiro en Artes, nas proximidades da igrexa parroquial.

Esta actuación está sendo executada no marco dunha actuación en virtude da cal se van pavimentar un total de catro camiños pertencentes á devandita parroquia: o xa mencionado de Outeiro, outros dous situados no lugar de Gude e un en Arribas. Trátase dunha iniciativa municipal que está sufragada con fondos propios e cuxo investimento ascende a un total de 41.153 euros. O prazo de execución son tres meses.

O novo camiño de Outeiro descorre por unha antiga corda de terra que estaba practicamente intransitable por mor da abundante vexetación que cubría tanto os bordes como seu eixo central.

Pluviais

Das accións programadas para esta vía, xa se realizou o pertinente desmonte e o desbroce da maleza situada na zona afectada e proximamente se van instalar dúas tubaxes de PVC reforzado para a canalización de pluviais (con diámetros de 450 e 200 milímetros) e se vai pavimentar con zahorra.

Polo que respecta aos outros camiños, os dous existentes en Gude serán limpados e pavimentados con aglomerado asfáltico, mentres que en Arribas vaise limpar a maleza, introducir unha tubaxe de PVC de 315 milímetros reforzada e estender unha primeira capa de zahorra artificial e unha segunda de capa cunha mestura bituminosa de aglomerado asfáltico tipo D12.

24 de marzo de 2014 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.