O CIM de Riveira activa un programa de prevención de violencia de xénero dirixido a alumnos de bacharelato
O Concello de Riveira vén de poñer en marcha este mes un novo Programa de Prevención de Violencia de Xénero dirixido a alumnos de Bacharelato do municipio. Esta acción está promovida a través do Centro de Información á Muller (entidade dependente da Concellería de Igualdade que dirixe Aroa Fernández) e conta con financiación da Deputación Provincial da Coruña.
A iniciativa consta de tres actuacións:
Obradoiros de prevención de violencia de xénero: que está formada por tres sesións formativas, baixo os epígrafes de “Destruíndo mitos” (pretende identificar e dar respostas ás falsas crenzas sobre o amor romántico, así como fomentar a autoestima e as relacións positivas entre o alumnado), “Bo trato” (quere fomentar as relacións interpersonais baseadas no respecto mutuo e reflexionar e aprender e manexar os conflictos en parellas adolescentes) e “Quéreme ou non me quere” (no que se debaterá sobre o que implica ter unha relación de parella e traballar a importancia de independencia emocional).
Obradoiros sobre xestión de emocións e fomento da autoestima, nos que as sesións formativas serán catro: “Ti decides” (sobre o coñecemento da propia autoestima e fomentar as calidades positivas), “Falemos de amor” (no que se traballará sobre os mitos e crenzas relacionados co amor romántico e a xestión das emocións nas relacións de parella), “Con-tacto” (traballarase o contacto a través do corpo, emoción, sentimentos e pensamentos) e “Nin obedecer nin servir nin calar” (para aprender a manxar os conflitos de parella e a adquirir habilidades sociais para adquirilos).
Concurso fotográfico “As mulleres de Riveira a través da cámara”: dirixido a alumnos de ESO, no que o obxectivo e plasmar a través de imaxes a historia de mulleres facendo un percorrido pola memoria visual. No futuro farase unha exposición coas mulleres fotos seleccionadas.
Taller de terapia ocupacional
Paralelamente a esta iniciativa haberá outro taller de terapia ocupacional sobre violencia de xénero, dirixido tamén á xuventude e que terá por título “Identificación de indicadores e reforzo contra a violencia de xénero”.
Nesta ocasión o CIM conta coa financiación para o desenvolvemento desta acción da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Serán dúas sesións, unha que xa comezou esta semana e a seguinte que terá lugar o día 17 de marzo no IES Leliadoura.
A finalidade principal desta acción reside en que a xente xoven vexa fortalecidas actitudes que eviten situacións de violencia de xénero, sabendo identificar os sinais e indicadores desta lacra tan presente na nosa sociedade, e á súa vez non ser tan vulnerables a esta situación. Este programa terá un enfoque lúdico participativo e de reflexión. Contará tanto con explicacións teóricas como actividades prácticas. Traballarase as actitudes a través dunha sesión de risoterapia.











