O centro Lustres Rivas divulga o legado de 43 autores dos concellos da Ría de Arousa e Río Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPontevedraRiveira
A-
A+
Detalle da mostra

Detalle da mostra

O Centro Cultural Lustres Rivas acolle dende onte e ata o día 12 de abril a exposición Guía Literaria da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla: unha iniciativa cultural promovida pola Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla na que se poden atopar os nomes de ata 43 ilustres autores nados ou vinculados ás terras polas que descorre a translatio.

O acto inaugural, ao que asistiron medio centenar de persoas, estivo encabezado polo alcalde Manuel Ruiz e o presidente da Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, Javier Sánchez-Agustino (tamén estivo o tesoureiro desta institución, Masito Beiró e a concelleira de Cultura Elvira Pisos, entre outros).

Itinerancia

Tal e como destacou o propio Sánchez-Agustino, Riveira é o primeiro concello que acolle esta exposición despois da súa presentación en Santiago de Compostela e marca o punto de partida da itinerancia dunha iniciativa que se quere levar tamén a outras localidades tanto da xeografía galega e estatal como incluso doutros países. 

Esta actuación incardínase nun dos obxectivos da fundación como é o labor de promoción cultural e turística dos 22 concellos que compoñen a ruta da translatio e que cristalizan en moi diversas publicacións, como a Guía Arousa (cuxa versión en inglés será presentada o vindeiro venres en Pontecesures), a Guía de Cruceiros Xacobeos ou a propia Guía Literaria que complementa a esta exposición. “Temos unha grandísima riqueza literaria que a nós nos parecía importantísimo compilar”, afirmou.

Manuel Ruiz salientou os pasos importantísimos que se están a dar dende a fundación para promocionar os concellos que integran o que é primeiro dos camiños de peregrinación xacobea, como se desprende de iniciativas tan importantes como a dos cruceiros de Arousa e Ulla e agora con esta ruta literaria.

Cabo Corrubedo

O alcalde permitiuse lanzar o reto de que, igual que moitos peregrinos se achegan a Fisterra despois de gañar o Xubileo, “da mesma forma intentemos que veñan por terra ao cabo Corrubedo e así podan coñecer a riqueza e beleza destes lugares e contemplar dende o faro as preciosas postas de sol”.

Entre os 43 autores recollidos na exposición, figuran o xornalista riveirense Manuel Lustres Rivas e outros persoeiros ligados á comarca como Valle-Inclán, Manuel Antonio, Castelao ou Ramón Martínez López vense reflectidas  nesta exposición, xunto a outros autores egrexios como Camilo José Cela, Julio Camba, Rosalía de Castro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros.

A exposición poderá ser visitada gratuitamente de luns a venres, de 10 a 14 e de 17 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 horas.

26 de marzo de 2014 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.