O 40% dos desprazamentos en coche que se realizan en Riveira teñen unha duración inferior aos 5 minutos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira xa ten no seu poder o documento de traballo que, co fin de coñecer os hábitos de desprazamento dos cidadáns do municipio, foi elaborado pola empresa ALG (Advanced Logistic Group) ao obxecto de redactar o Plan de Mobilidade Urbano Sostible (PMUS), que é unha das actuacións incluídas dentro do proxecto Riveira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.

Segundo este estudo, a población residente no municipio realiza un total de 87.638 desprazamentos diarios, o que representa un total de 3,27 desprazamentos por persoa e día: un dato algo superior á media española, na que a media é de 2,9 en poboacións de entre 10.000 e 50.000 habitantes. Do total de desprazamentos riveirenses, o 91.2% (79.948) correspóndese con desprazamentos internos no concello, o 7.6% son de conexión de Riveira con outras localidades exteriores (onde 3.272 teñen a Riveira como punto de partida e 3.444 como destino) e  e o 1,1% restante (974) son desprazamentos externos, é dicir, nos que tanto a orixe como o destino son alleos a Riveira.

En canto aos modos de transporte, os realizados en vehículo privado son os predominantes, ao representar o 57.9% do total (50.762). Os modos non motorizados (a pé ou en bicicleta) supoñen o 36.7% (32.102 a pé e 73 en bicicleta), mentres que o transporte público supón un 5.3% con 4.635.

A nivel de transporte público, os desprazamentos en autobús de liña son os máis utilizados polos residentes (51%). No que se refire ao vehículo privado, os desprazamentos en coche son os marcadamente predominantes co 98%.

Polo que se refire á duración dos desprazamentos, o 39.7% do total teñen unha duración menor aos 5 minutos. Entre eles, hai que destacar o elevado número de desprazamentos en vehículo privado: 19.753 (isto é, case un corenta por centro –o 38,9%- dos 50.762 que se realizan en total nesta modalidade). Outros 14.551 son non motorizados e 480 en transporte público.

Ademais, o 49% teñen unha duración de entre 5 e 20 minutos (27.939 en vehículo privado, 12.571 de xeito non motorizado e 2.411 en transporte público) o 7.8%, entre 20 e 45 minutos (1.520 en vehículo privado, 3.911 por medios non motorizados e 1.377 en transporte público) e o 3.3%, entre 45 e 90 minutos (1.468 en vehículo privado, 1.052 non motorizado e 325 en transporte público). Os que teñen unha duración maior ocupan unicamente o 0,1% do global.

Motivos dos desprazamentos

En canto aos motivos dos desprazamentos, o 81,6% son orixinados por motivos persoais (31.788) ou de volta a casa (39.719) e un 18.3% (16.071) por motivos ocupacionais (desprazamentos cotiás vinculados co lugar de traballo ou estudo). No que se refire á mobilidade ocupacional, a mobilidade por estudos (60%) supera a xerada por traballo (40%). Respecto á mobilidade persoal, a mobilidade por ocio, diversión ou deporte (21.3%) e as compras cotiás (20.1%) son as que producen un maior proporción de desprazamentos diarios.

No suposto de mobilidade de conexión co exterior, predominan os desprazamentos de proximidade. Así, os municipios cercanos (especialmente Boiro e A Pobra) concentran preto do 60% da mobilidade exterior, e Santiago exerce tamén un importante punto de atracción ao representar o 20% dos desprazamentos externos.

Outro dato significativo no que atinxe ao vehículo privado é o índice de pasaxeiros por vehículo, que amosa se un medio de transporte está sendo utilizado dunha maneira óptima. En Riveira a ocupación vehicular é de tan só o 1,78 persoas/vehículo, do que se desprende un uso non eficaz. A modo de curiosidade, Oleiros é a parroquia cun maior índice de ocupación (2,04%), seguida de Santa Uxía (1.86%), Palmeira (1,79%), Carreira (1,73%), Olveira (1.72%), Castiñeiras (1,71%), Aguiño (1,68%), Corrubedo (1,67%) e Artes (1.55%).

Índice de motorización

Nos últimos anos Riveira rexistrou un notable incremento no parque de vehículos do municipio, pasando dende 8.962 vehículos en 1998 a preto de 14.339 en 2012, o que significa un incremento cercano ao 60% (datos do Instituto Galego de Estatística). Os motores de gasolina están presentes no 36% do parque, en tanto que un 63% está composto por motores diésel (o 1% restante emprega outras tecnoloxías, como motores híbridos, biocarburantes ou gas natural licuado).

En canto ao índice de motorización, ascende a 516 vehículos por cada mil habitantes, o que supón un incremento de case o 40% en relación ao ano 2000, cando o índice de motorización foi de 373 por cada mil habitantes. Estes datos sitúan a Riveira lixeiramente por enriba da media española: 483 vehículos por cada mil habitantes.

12 de marzo de 2014 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.