Mellora da accesibilidade na rúa Fernández Areal do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello de Porriño está a acometer unha serie de obras na rúa Fernández Areal, así como tamén noutras do municipio, co obxectivo último de mellorar a accesibilidade dos peóns que por ela camiñan, “xa que se trata dunha vía moi transitada que comunica o centro urbano coa zona na cal se localiza o centro de saúde e os edificios do Xulgado e da Tesouraría da Seguridade Social”, explica o alcalde Nelson Santos. Os traballos que se están acometendo consisten no soterramento da liña de telefonía e electricidade, dando continuidade así ao proxecto xa executado a finais de 2012 no tramo que vai desde o centro de saúde até o Cristo dos Cachos, “pois o tramo que se está acometendo agora, duns 300 metros de lonxitude, abarca desde o Cristo dos Cachos até a Igrexa de Santa María, comprendendo tamén o cruzamento con Domingo Bo, unha das arterias principais de Porriño”.

A actuación dará unha imaxe renovada a toda a rúa na cal tamén se están acondicionando as beirarrúas, adaptándoas con ramplas para persoas con discapacidade física, repondo os sinais verticais, ademais do asfaltado e repintado da calzada. O soterramento de ambas as liñas xa non só supón unha cuestión de seguridade para os viandantes, senón sobre todo de imaxe e bo aspecto, “pois se retirarán un gran número de postes, moitos dos cales estaban situados na propia beirarrúa creando un feísmo na contorna e, sobre todo, dificultando o paso de peóns, máis notorio no caso de persoas con mobilidade reducida ou portadores de carriños de bebé”, subliña  o rexedor local.

O proxecto supón un investimento de 20.000 euros financiados polo Concello de Porriño e prevese que estea finalizado nas próximas semanas.

Esta actuación de soterrar determinados servizos está a ser a liña a seguir noutras moitas obras que se están executando no municipio, “pois a medida que levantamos o firme para acometer calquera traballo de acondicionamento do viario, saneamento, abastecemento ou doutra índole, aproveitamos para realizar o soterramento destas liñas”, sinala Santos, facendo referencia, por exemplo, aos traballos executados nun tramo da rúa San Sebastián lindante, precisamente, con Fernández Areal.

21 de marzo de 2014 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.