Máis de cen entidades públicas e privadas participarán no “Triángulo de emprego” do Porriño
Máis de cen entidades entre centros de formación, institutos, universidades, empresas privadas e administracións públicas formarán parte do “Triángulo de emprego” que se celebra, desde este xoves e durante o próximos tres meses, en Porriño. “Trátase dun programa trimestral de conferencias e coloquios abertos á participación do público no que directivos, técnicos especializados e responsables de Recursos Humanos de empresas de diferentes sectores, así como tamén responsables de centros formativos, exporán multitude de temas relacionados coa formación, o emprego e o autoemprego”, explicaba o alcalde Nelson Santos esta mañá durante o acto de presentación desta nova iniciativa coa que o Concello “volve apostar pola información e o diálogo da cidadanía cos diferentes axentes que participan na realidade laboral actual, co obxectivo último de fomentar e crear emprego no noso municipio”. Acompañado do concelleiro M. Alejandro Lorenzo, o rexedor local subliñou “o esforzo diario que se fai desde o Goberno local en materia de emprego e formación, un traballo que continuaremos realizando co obxectivo de rebaixar a lista de persoas desempregadas no municipio”.
As conferencias e coloquios dos martes e xoves de cada un do tres meses responderán os tres alicerces sobre os que se sustenta o servizo Porremprego: formación, emprego e autoemprego. “O programa que é libre e gratuíto e que se celebrará no Multicentro de Torneiros, está pensado tanto para aquelas persoas desempregadas da Bolsa como aquelas que xa están incorporadas ao mercado laboral pero queiran mellorar a súa formación”, sinalaba Lorenzo, facendo tamén fincapé na asistencia de estudantes de face a ir definindo o seu futuro máis inmediato. Neste sentido, o concelleiro mencionou a participación de centros de formación, institutos, academias e universidades “que exporán a súa oferta formativa e a súa saída laboral”.
Neste mes de marzo, dedicado á formación abordaranse temas como a importancia da obtención do título de ESO; os ciclos formativos na FP, FP dual e os Programas de Cualificación Profesional Inicial; as saídas académicas ao finalizar un ciclo formativo ou carreira universitaria; a acreditación das competencias profesionais; as bolsas (FEUGA, FOI, FUVI, ministeriais e de mobilidade); a formación complementaria e os idiomas. Desta maneira, celebraranse un total de 41 relatorio dirixidas por representantes de entidades como o CIFP de Coia e da Granxa; o Colexio Fogar; o IES Ricardo Mella, Teis e Ribeira do Louro; as universidades de Vigo e Santiago, así como tamén da UNED e da UDIMA; a Escola Superior de Hostalaría de Galicia; a Escola Universitaria de Enfermaría; a aula Mentor; AIMEN e as empresas Eonsi e Norformación, entre outras. E polo que respecta á formación en idiomas, que centrará a última das xornadas (o xoves 27) estarán presentes responsables de Fundación Galicia Europa, Kangaroo, Feedback, Over the Rainbow, academia Bastón, UNED idiomas, Escola Oficial de Idiomas, Centro de Linguas (UVigo) e Fundación Universidade de Vigo.
O “Triángulo de emprego” dará comezo este xoves. Tras a presentación, ás 11.00 horas un representante da da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia exporá os programas de ensino para adultos, a Formación Profesional, as bolsas de estudos e o recente aprobado Plan de Emprego Xuvenil. A partir de entón, haberá relatorios todos os martes (días 11, 18 e 25) e xoves (13, 20 e 27) de mes, en horario de 10.00 a 14.00 horas, cunha media de entre catro e oito relatorios por xornada.
O mes de abril estará dedicado ao emprego, tanto a nivel nacional como internacional, e as conferencias de maio centraranse no autoemprego.











