Máis de 100 veterinarios especialistas en vacún analizan en GandAgro aspectos de actualidade do seu traballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Primeira poñencia de GandAgro

Primeira poñencia de GandAgro

Máis de 100 veterinarios especialistas en vacún reuníronse esta mañá no III Monográfico da Gandería e a Agricultura, GandAgro 2014, o cal se celebra dende hoxe e ata o sábado na Feira Internacional de Galicia, para analizar temas de actualidade e interese vinculados cos seus ámbitos de traballo.

Este encontro foi nunha xornada técnica orientada exclusivamente a eles  e conducida por catro recoñecidos profesionais procedentes de Cataluña, Madrid, País Vasco e Castela – A Mancha. No seu marco expuxéronse “Casos prácticos de análises de índices reprodutivos”, de man do catalán Joan Gali, do grupo técnico veterinario GTV e encargado de desenvolver o programa de xestión de granxas que empregan a maioría de veterinarios e explotacións a nivel nacional.

Tamén se tratou a “Vaca en transición: cambios metabólico e as súas consecuencias”, un dos temas máis debatidos no sector e no que máis equipos están a traballar a nivel internacional pola importancia do paso de seca a leite no rendemento dunha vaca. O encargado de facelo foi un destacado profesional na materia, o madrileño Pedro Sayalero, xefe do Departamento de Rumiantes de Nutreco.

Durante o transcurso do encontro falouse tamén sobre “A Paratuberculose e o seu control”, un tema controvertido con gran importancia nas campañas de saneamento que debullou Ramón Juste, xefe do Departamento de Sanidad Animal do Neiker, Instituto Vasco de Investigación y Desarrollo Agrario, e un dos máis reputados profesionais neste campo a nivel nacional e internacional. Ademais, o castelán manchego Luis Miguel Jiménez,  especialista da empresa Servet Talavera que desenvolve o seu traballo tanto en España e Portugal como en Sudamérica, abordou a “Xestión dos datos en calidade de leite” para a súa mellora.

Presenza expositiva de laboratorios

Os asistentes ao encontro puideron ademais coñecer as propostas de laboratorios veterinarios que forman parte dunha exposición paralela a esta xornada que tamén se manterá mañá no XVIII Monográfico de Gando Porcino. Esta mostra sitúase nun espazo anexo á sala onde se celebrou este foro profesionais e conta coa participación de importantes laboratorios de sanidade animal, como MSD Animal Health, S.P Veterinaria, Zoonort, Elanco, ReprodAction e Galeno.

13 de marzo de 2014 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.