Intensa actividade institucional do alcalde de Riveira durante a súa visita á cidade de Newark
A intensidade está a ser a nota predominante na visita institucional que, a requirimento da Secretaría Xeral de Inmigración e Emigración do Goberno de España, está a ter o alcalde Manuel Ruiz Rivas aos Estados Unidos.
Dende a súa chegada a este país o pasado venres, o rexedor riveirense xa tivo oportunidade de participar nunha ampla multiplicidade de actos, entre os que se contan as recepcións que lle brindaron tanto o alcalde de Newark, Luis Quintana, como o seu homólogo da cidade veciña de Harrison, James Fife; a súa presenza representando a Riveira en dous eventos oficiais celebrados no Club España e no Centro Ourensán de Newark (en ambos acompañando ao director xeral de Migracións, Aurelio Miras Portugal) e os seus encontros con directivos e socios tanto destas dúas institucións como do Spanish-American Club de Bayonne; o Círculo Español en Queens e a Casa de Galicia en Nova York. Cómpre salientar tamén a presentación do libro que sobre o artista riveirense Manuel Ayaso editou a Deputación e que, con gran acollida, se desenvolveu o pasado venres no Club España de Newark.
Alcaldes de Newark e Harrison
Durante a súa entrevista o pasado venres, Luis Quintana e Manuel Ruiz falaron da posibilidade de celebrar os 20 anos de irmandade cunha visita do munícipe estadounidense a terras galegas, algo que este se comprometeu a estudar unha vez decida se volverá a concorrer aos comicios electorais desta cidade. En canto á recepción en Harrison, acaecida o domingo, James Fife obsequiou a Ruiz cun diploma conmemorativo nun acto no que estivo acompañado do concelleiro nesta localidade Anselmo Millán, natural da parroquia de Palmeira e activo nexo de unión do municipio de Riveira cos seus veciños na diáspora norteamaricana.
Polo que respecta ás súas visitas a centros galegos e españois, Manuel Ruiz tivo ocasión o pasado sábado de participar no acto conmemorativo dos 50 anos do Club España de Newark e entregar ao seu presidente, Juan Carlos Álvarez, unha réplica en cerámica do faro de Corrubedo a modo de agasallo institucional.
De igual xeito, e representando a Riveira, tamén participou o domingo na entrega da medalla de honra á emigración ao Centro Ourensán da man do director xeral Aurelio Miras Portugal, e que foi recollida polo seu presidente José Luis Barreiros.
Web turística
En canto aos seus encontros con xunta directiva e membros do centros anteditos (o venres, o Club España en recepción especial; o sábado, o Spanish-American Club de Bayonne e o Círculo Español en Queens; e o domingo, o Centro Ourensán de Newark e a Casa de Galicia en Nova York), Ruiz Rivas tivo ocasión de conversar con numerosos veciños do municipio e da comarca e darlles a coñecer a nova plataforma web turística que o Concello vén de impulsar dentro do proxecto Riveira Atlántica, subscitando un enorme interese como ferramenta de promoción da riqueza da nosa terra.











