Inícianse as obras de renovación de pavimentación na rúa Atalaia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa do comezo dunha nova actuación consistente na pavimentación e instalación de servizos da rúa Atalaia en Corrubedo, vía que se sitúa no entorno da igrexa desta parroquia. Con esta nova iniciativa proséguese coas tarefas de humanización e acondicionamento do casco histórico do núcleo empregando materiais acordes con este entorno.

A obra, que tamén afecta a un tramo de Rocapellón e a unha vía transversal que conecta as dúas rúas, está sendo acometida pola empresa Río Sieira, S.L., e supón un investimento de 56.428,96 euros. O prazo de execución son tres meses.

O pavimento da zona en cuestión estaba formado por pavimento de formigón e atopábase deteriorado en varios puntos. Ademais, carece de rede separativa de alcantarillado, descorrendo as augas fecais e pluviais por un único colector.

Os servizos técnicos municipais elaboraron un proxecto destinado á renovación de servizos, crear unha rede separativa de alcantarillado e pavimentar as rúas.

Polo que respecta ao saneamento de fecais, disporase 39 metros de colectores de PVC SN4 compacto de 315 milímetros de diámetro; mentres que para pluviais se instalarán 59 metros de colectores de PVC SN8 corrugado  de 315 milímetros. Tamén se colocarán pozos de rexistro e arquetas sumidoiro.

Granito

En canto á pavimentación, na rúa Atalaia colocaranse diversos tipos de pedra para lograr un debuxo semellante ao das áreas próximas. Máis en particular, empregaranse lousas de granito de 60 x 40 x 8 centímetros combinadas con adoquíns de granito coa cara vista abuxardada de 20 x 10 x 8.

Nas rúas Rocapellón e transversal utilizarase pavimento de adoquín prefabricado de formigón de cores gris e vermello.

17 de marzo de 2014 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.